- Tematica
A programación do décimo cuarto Festival de Maxia de Ames arranca hoxe nos centros de ensino do concello, e seguirá desenvolvéndose durante toda a semana con actividades dirixidas ao alumado de infantil, primaria e secundaria. Ademais, este festival organizado polo Concello de Ames, coa colaboración da Deputación da Coruña, contará durante a fin de semana con numerosos obradoiros, espectáculos de maxia e varios pases da Gala Internacional de Maxia.
Hoxe arranca no centro de ensino CEIP A Maía unha semana máxica para Ames. En varias sesións repartidas por cursos académicos, os alumnos deste centro desfrutaron dos espectáculos de Joshua Kenneth e O Mago Paco. Ambos magos visitarán durante esta semana o IES de Ames, en Bertamiráns; o EEI Milladoiro; a escola unitaria de Tarroeira; a escola unitaria de Covas; o CEIP de Barouta; o Colexio Alca; o CEIP Agro do Muíño; o CEP de Ventín e o IES O Milladoiro.
Estes actos, dirixidos a máis de 3.096 alumnos, compleméntase coa programación da fin de semana, que inclúe máis espectáculos máxicos, obradoiros e unha Gala Internacional de Maxia.
Así, o venres 25 de outubro a Casa do cultura do Milladoiro acollerá ás 18.00 horas “Momentos Máxicos co Mago Rafa”. Unha actividade dirixida a un público familiar, con nenos de 6 anos en adiante. Para este espectáculo aínda quedan dispoñibles arredor de 40 entradas na billeteira electrónica.
Proseguiranlle, o sábado 26 e o domingo 27, dous obradoiros máxicos. O primeiro deles, será realizado por Joshua Kenneth na Casa da Cultura de Bertamiráns en horario de 11.00 a 12.00 horas. Mentres que o obradoiro do domingo, realizado polo Mago Paco, será no mesmo horario pero na Casa da Cultura do Milladoiro. O número de prazas por día é de 25, polo que é necesaria á inscrición no número de teléfono 981 535 940, dende o día 21 ata o 25 de outubro, en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 22.00 horas.
Gala Internacional de Maxia
O prato forte da fin de semana será a Gala Internacional de Maxia. Como novidade, este ano haberá catro pases para que ninguén quede sen poder asistir como en ocasións pasadas. Así, o sábado 26 haberá dúas sesións, unha ás 17.30 horas e outra ás 20.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Mentres que o domingo 27 desenvolveranse outras dúas sesións no mesmo horario que o sábado pero desta vez na Casa da Cultura do Milladoiro.
Nesta décimo cuarta edición participarán na Gala Máxica as magas Magica Gilly e Gaia Elisa Rossi e os magos Dani Polo e Xulio Merino. Ademais estará presentada por Pepín Banzo.
En canto a cada un dos espectáculos da gala, o da famosa maga Gaia Elisa Rossi é un dos máis sorprendentes da gala, realizando unha crítica ós estereotipos da sociedade a través da maxia. Outro prato forte é Xulio Merino, que realizará grandes trucos de maxia con esponxas, ou Magica Gilly, cun espectáculo máxico “sen barreiras”. Con respecto a Dani Polo, actuará cun número novo, con maxia de gran formato gracias a espectáculos de pirotecnia e iluminación.
Cómpre destacar o éxito que ten todos os anos esta Gala, para a que xa se encontran esgotadas a maioría das entradas de venta anticipada. Tan só quedan algunhas na sesión do domingo 28 ás 20.00 horas. Aínda así, existe un 10% de entradas reservadas para comprar na billeteira de maneira presencial, para todos aqueles que non queren quedar sen asistir ao internacional espectáculo de maxia.
Novas relacionadas:
Lindeiros: "O Festival de maxia de Ames comeza polos escolares"