O Goberno municipal leva ao Pleno extraordinario que se vai celebrar este martes 16 de novembro a aprobación dun suplemento de crédito para gastos xerais. O suplemento ascende a un total de 1.451.360 euros e vaise financiar maioritariamente co remanente de tesourería. Tamén se levará a Pleno a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 146.925 euros para a aprobación de facturas correspondentes ao exercicio 2020 que non dispoñían de crédito, entre as que vai unha factura de 123.607 euros do servizo de monitoraxe de comedores escolares do mes de decembro de 2020.
O Concello de Ames liquidou o exercicio 2020 cun remanente de tesourería para gastos xerais de 8.363.940 euros e con cargo a dito remanente aprobáronse varios suplementos de crédito, entre eles o suplemento que financia o Plan Ames Progresa 2021-2023 cun importe de 4.647.242 euros que inclúe investimentos, axudas e actuacións encamiñadas á recuperación e reactivación económica do Concello de Ames. O remanente de tesourería dispoñible tras a tramitación destes suplementos de créditos ascende a 1.041.438 euros.
Como todos os anos ao remate do exercicio existen varias aplicacións do orzamento en vigor con crédito insuficiente e procede reordenar o crédito e dotalo da cantidade necesaria para atender as necesidades.
As aplicacións que precisan de financiamento no capítulo de gastos de investimentos ascenden a 377.626 euros. A meirande parte delas responden ao mantemento de infraestruturas e servizos. Nesta partida inclúese a adquisición por 200.000 dun local para oficinas municipais.
A necesidade de financiamento do capítulo de gastos correntes é de 976.184 euros. Neste capítulo destaca o forte incremento dos gastos na partida de monitoraxe de comedores escolares e demais servizos de conciliación que ascende a 415.335 euros motivado polo cumprimento dos protocolos Covid-19, o incremento de gastos derivados de limpezas extraordinarias e produtos de limpeza, subministración eléctrica ou mantemento de instalacións.
No tocante aos gastos de transferencias correntes a necesidade de financiamento ascende a 97.550 euros. O suplemento está destinado a sufragar unha nova convocatoria de axudas “Bonos Comercios” dotada con 70.000 euros. O motivo é a reordenación do crédito recollido na liña de axudas do Plan Reactiva Ames para financiar a transición cara o comercio en liña debido á existencia e solapamento de axudas por parte doutras administración, e vaise destinar nunha nova campaña de Bonos Comercio.
A este capítulo de gastos, tamén, hai que engadir os 17.550 euros necesarios para proceder ao pagamento da 2ª liquidación da Galiña Azul de Bertamiráns e do Milladoiro.
Estas modificacións orzamentarias ascenden a un total de 1.451.360 euros. O suplemento de crédito vaise financiar con cargo ao remanente de tesourería en 1.423.976 € e os 27.384 € restantes cos gastos financiados con baixas por anulacións.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "El gasto de Ames se dispara en siete millones por la pandemia"
El Correo Gallego: "Más fondos por el gasto covid extra en limpieza y comedores"
Lindeiros: "Ames habilita millón e medio de euros nun pleno extraordinario"