Solapas principales

A novena edición do Millarock estivo marcada polo compromiso social e o rock reivindicativo

Lunes, 05 de agosto de 2019

A novena edición do festival Millarock tivo lugar o pasado venres, 2 de agosto, no Milladoiro. Ao longo da noite, pasaron polo escenario os grupos Cuarta Xusta, Zënzar, Nao e Dios ke te crew. Houbo unha boa afluencia de público. Membros da Plataforma Casalonga limpa de residuos estiveron no festival. Os músicos dos grupos que actuaron no Millarock saíron ao escenario con camisetas de dita plataforma, reivindicando que a vella canteira de Casalonga non se converta nun vertedoiro.

Os concertos comezaron ás 21.00 horas, co obxectivo de que as familias con nenas e nenos pequenos tamén puidesen achegarse ao concerto. Os primeiros en saír ao escenario foron os integrantes de Cuarta Xusta, o grupo orixinario de Melide integrado por Marta, Lúa, Alberto, Alba e Aida. Durante a súa actuación interpretaron varios dos temas do seu primeiro traballo discográfico, Un novo espertar, presentado o 10 de marzo do 2018, no que se recolle oito temas propios nos que cristaliza o seu obxectivo musical, “berrar con música as inxustizas que nos rodean”.

De seguido, foi a quenda de Zënzar, un dos grupos máis consolidados do panorama galego. A banda botou a andar no ano 1988 e conseguiu gravar a súa primeira maqueta en 1992. Dende entón percorreron todos os recunchos do país coa súa música. Na actualidade, o grupo está formado por Manolo García, Xosé A. Bocixa, Mario Grela, Paco Cerdeira e Laura Romero.

Posteriormente, saíron ao escenario os membros do grupo Nao, que se encontran inmersos na súa xira de despedida e que escolleron o Millarock como un dos seus últimos concertos. A banda, formada por Pablo Carracedo, Gustavo Brea, Antón Fernández e X. Ramón Iglesias; conta cunha traxectoria de trece anos marcada polo compromiso social e a súa forza no escenario. Durante o concerto, Nao interpretou algúns dos seus temas máis coñecidos, ao tempo que fixo un percorrido polo seu último disco, titulado Ata que o lume se apague.

Dios ke te crew pechou o festival
Esta edición do Millarock pechouse coa actuación do grupo de rap, Dios ke te crew, que volveron á escena musical despois dun tempo retirados. Formado por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock, esta banda de Ordes destaca polos seus directos e as súas letras cargadas de ironía, orixinalidade e unha música moi propia que mistura toques de rock, jazz ou funk. No Millarock volveron a facer unha gran actuación, demostrando que son unha das mellores bandas galegas en directo.

A concelleira de Cultura, Natividade González, destaca “a boa acollida que tivo a novena edición do Millarock que volveu a contar cunha boa afluencia de público. Esta edición do Millarock estivo marcada polo rock galego e feminino, así como o compromiso social e o rock reivindicativo dos grupos que actuaron. Seguiremos traballando para incluír novas actividades para o que será a décima edición deste festival, que xa está consolidado dentro do panorama musical galego”.

A novena edición do Millarock estivo marcada polo compromiso social e o rock reivindicativo

Multimedia

  • A novena edición do Millarock estivo marcada polo compromiso social e o rock reivindicativo