Solapas principales

O Concello de Ames recolle 65.000 quilos de aceite doméstico usado dende que se instalaron os puntos de recollida en 2016

Miércoles, 12 de febrero de 2020

A Concellaría de Transición Ecolóxica e do Medio Rural  fai balance da campaña de reciclaxe de aceite doméstico. Durante o ano 2019 recolléronse 18.447 quilos de aceite doméstico usado, a través dos 27 puntos de recollida repartidos por todo o municipio seguindo como criterio o número de habitantes existentes por zona. Coa reciclaxe desta cantidade de aceite evitouse a contaminación de arredor de 20.291.700 litros de auga, posto que un só litro de aceite pode chegar a contaminar uns 1.000 litros de auga. Se temos en conta os datos dos últimos catro anos (dende 2016) recolléronse 65.0004 quilos de aceite doméstico usado e evitouse a contaminación de 71.504.400 litros de auga.

O aceite usado é responsable dun grave problema tanto medioambiental como económico, posto que non só é prexudicial cando entra en contacto co medio, especialmente coa auga posto que impide o desenrolo de vida acuática, senón que a súa depuración e o mantemento das estacións depuradoras carrexan altos custes económicos. Asemade, a rede de sumidoiros pública tamén se ve afectada polo vertido de aceite a través das canalizacións, dado que deteriora as cañarías.

Así, co obxectivo de favorecer a reciclaxe do aceite doméstico, o Concello de Ames puxo en marcha no ano 2016 unha campaña de recollida de aceite doméstico usado. Para facilitarlle á veciñanza unha correcta reciclaxe de dito aceite instaláronse 27 puntos de recollida repartidos por todo o municipio seguindo como criterio o número de habitantes existentes por zona. Ademais, puxéronse en marcha outras iniciativa relacionadas con dita campaña como foron o reparto de embudes para facilitar a reciclaxe deste produto desde os fogares e charlas de educación ambiental nos centros de ensino.

Con dita campaña búscase concienciar á poboación da importancia da reciclaxe do aceite doméstico, diminuír a carga contaminante nos ríos e mares e rendabilizar o funcionamento das depuradoras. Asemade, quérese facer fincapé na importancia de que sexa precisamente o aceite usado unha das formas de fabricar biodiésel, carburante menos contaminante.

65.000 quilos de aceite recollido dende 2016
Dende a Concellaría de Transición Ecolóxica e do Medio Rural  faise balance da campaña de reciclaxe de aceite doméstico. Deste xeito, dende o ano 2016 recolléronse 65.0004 quilos de aceite doméstico usado e evitouse a contaminación de 71.504.400 litros de auga. Debullando estes datos por anos, cómpre salientar que foi incrementándose ano a ano o número de quilos recollidos.

En 2016 recolléronse 14.763 quilos de aceite doméstico usado e evitouse a contaminación de 16.239.300 litros de auga. En 2017 a cantidade de aceite recollido aumentou a 16.432 quilos, evitando así a contaminación de 18.075.200 litros de auga. En 2018 recolléronse 15.362 quilos e evitouse a contaminación de 16.898.200 litros de auga, mentres que en 2019 a cantidade de aceite recollido aumentou ata os 18.447 quilos evitando a contaminación de 20.291.700 litros de auga.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e do Medio Rural, Manuel Lens, salienta “o civismo e o compromiso dos veciños e veciñas co medio ambiente. Os datos de recollida de aceite doméstico usado demostran que este servizo é cada vez máis usado pola veciñanza, algo que é moi importante para evitar un grave problema medioambiental”. Por último, anima á cidadanía a seguir por esta senda.

Colectores de recollida de aceite usado
Os colectores de recollida de aceite usado están repartidos do seguinte xeito: 8 colectores en Bertamiráns (4 na avenida da Maía e 1 nas seguintes rúas: Arrucheiro, Alcalde Lorenzo, Camiño Novo e Poeta da Maía); 12 no Milladoiro (4 en Rosalía de Castro e 1 nas seguintes zonas: Praza de Manuel Murguía con Raxoeira, Agro do Medio, Costa Grande, Estivada de Castelao, Madalena, Palmeiras, Pardiñeiros e na Casa da Cultura); 1 nas urbanizacións de Aldea Nova e Mimosas; e 1 colector en cada unha das cinco parroquias máis poboadas do concello; Ames, Bugallido, Covas, Biduído e Ortoño (na urbanización de Agro do Muíño). Nas seis parroquias restantes colocouse un bidón nos locais sociais de cada unha delas.

Imaxe dun colector de recollida de aceite doméstico usado

Multimedia

  • Imaxe cos puntos de recollida de aceite na localidade de Bertamiráns
  • Imaxe cos puntos de recollida de aceite na localidade do Milladoiro
  • Imaxe cos puntos de recollida de aceite nas parroquias