- Tematica
A Concellaría de Transición Ecolóxica e do Medio Rural fai balance da campaña de reciclaxe de aceite doméstico. Durante o ano 2019 recolléronse 18.447 quilos de aceite doméstico usado, a través dos 27 puntos de recollida repartidos por todo o municipio seguindo como criterio o número de habitantes existentes por zona. Coa reciclaxe desta cantidade de aceite evitouse a contaminación de arredor de 20.291.700 litros de auga, posto que un só litro de aceite pode chegar a contaminar uns 1.000 litros de auga. Se temos en conta os datos dos últimos catro anos (dende 2016) recolléronse 65.0004 quilos de aceite doméstico usado e evitouse a contaminación de 71.504.400 litros de auga.
O aceite usado é responsable dun grave problema tanto medioambiental como económico, posto que non só é prexudicial cando entra en contacto co medio, especialmente coa auga posto que impide o desenrolo de vida acuática, senón que a súa depuración e o mantemento das estacións depuradoras carrexan altos custes económicos. Asemade, a rede de sumidoiros pública tamén se ve afectada polo vertido de aceite a través das canalizacións, dado que deteriora as cañarías.
Así, co obxectivo de favorecer a reciclaxe do aceite doméstico, o Concello de Ames puxo en marcha no ano 2016 unha campaña de recollida de aceite doméstico usado. Para facilitarlle á veciñanza unha correcta reciclaxe de dito aceite instaláronse 27 puntos de recollida repartidos por todo o municipio seguindo como criterio o número de habitantes existentes por zona. Ademais, puxéronse en marcha outras iniciativa relacionadas con dita campaña como foron o reparto de embudes para facilitar a reciclaxe deste produto desde os fogares e charlas de educación ambiental nos centros de ensino.
Con dita campaña búscase concienciar á poboación da importancia da reciclaxe do aceite doméstico, diminuír a carga contaminante nos ríos e mares e rendabilizar o funcionamento das depuradoras. Asemade, quérese facer fincapé na importancia de que sexa precisamente o aceite usado unha das formas de fabricar biodiésel, carburante menos contaminante.
65.000 quilos de aceite recollido dende 2016
Dende a Concellaría de Transición Ecolóxica e do Medio Rural faise balance da campaña de reciclaxe de aceite doméstico. Deste xeito, dende o ano 2016 recolléronse 65.0004 quilos de aceite doméstico usado e evitouse a contaminación de 71.504.400 litros de auga. Debullando estes datos por anos, cómpre salientar que foi incrementándose ano a ano o número de quilos recollidos.
En 2016 recolléronse 14.763 quilos de aceite doméstico usado e evitouse a contaminación de 16.239.300 litros de auga. En 2017 a cantidade de aceite recollido aumentou a 16.432 quilos, evitando así a contaminación de 18.075.200 litros de auga. En 2018 recolléronse 15.362 quilos e evitouse a contaminación de 16.898.200 litros de auga, mentres que en 2019 a cantidade de aceite recollido aumentou ata os 18.447 quilos evitando a contaminación de 20.291.700 litros de auga.
O concelleiro de Transición Ecolóxica e do Medio Rural, Manuel Lens, salienta “o civismo e o compromiso dos veciños e veciñas co medio ambiente. Os datos de recollida de aceite doméstico usado demostran que este servizo é cada vez máis usado pola veciñanza, algo que é moi importante para evitar un grave problema medioambiental”. Por último, anima á cidadanía a seguir por esta senda.
Colectores de recollida de aceite usado
Os colectores de recollida de aceite usado están repartidos do seguinte xeito: 8 colectores en Bertamiráns (4 na avenida da Maía e 1 nas seguintes rúas: Arrucheiro, Alcalde Lorenzo, Camiño Novo e Poeta da Maía); 12 no Milladoiro (4 en Rosalía de Castro e 1 nas seguintes zonas: Praza de Manuel Murguía con Raxoeira, Agro do Medio, Costa Grande, Estivada de Castelao, Madalena, Palmeiras, Pardiñeiros e na Casa da Cultura); 1 nas urbanizacións de Aldea Nova e Mimosas; e 1 colector en cada unha das cinco parroquias máis poboadas do concello; Ames, Bugallido, Covas, Biduído e Ortoño (na urbanización de Agro do Muíño). Nas seis parroquias restantes colocouse un bidón nos locais sociais de cada unha delas.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames recuperó aceite como para corromper 28 piscinas olímpicas"
Compostela 24 horas: "Ames recolleu 65.000 quilos de aceite doméstico usado dende 2016"