Solapas principales

Os nove concellos implicados na comarcalización do servizo de bombeiros reiteran o seu compromiso co proxecto

Miércoles, 13 de marzo de 2024

Blas García participou na reunión convocada no Pazo de Raxoi para analizar os avances no proxecto de comarcalización do parque de bombeiros municipal de Santiago de Compostela, na que a alcaldesa de Santiago e o concelleiro de Mobilidade, Goretti Sanmartín e Xan Duro, deron conta dos contactos mantidos entre o Concello de Santiago e as outras administracións implicadas, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, que ratificaron os compromisos acadados fai anos de achegar ao proxecto tres millóns de euros, dos que dous millóns serán para as obras das futuras instalacións, e un millón de euros anual para os custos de persoal.

García, que xa puxo esta necesidade enriba da mesa no mes de setembro e se comunicou recentemente coa Alcadía de Santiago para convocar canto antes unha reunión destas características celebrou que por fin se atenda esta demanda e mostrouse esperanzado pero prudente pois “levamos moitos anos discutindo sobre este tema, espero de verdade que esta sexa a xuntanza definitiva que faga posible que a nosa veciñanza se encontre máis segura” e instou a que este proceso de comarcalización sexa o máis curto posible pois “as emerxencias non esperan a que os convenios estean firmados. Non é lóxico que para apagar un incendio no Milladoiro teñamos que esperar polos bombeiros de Boiro 50 minutos”.

O concelleiro de Mobilidade de Santiago, Xan Duro, explicou que a posta en marcha do servizo depende de “cubrir inicialmente as prazas necesarias con interinidades, posto que a resolución dos procesos de oposicións para a cobertura definitiva require de prazos máis demorados”  e indicou que é viable comezar o servizo sen ter construído as novas dependencias pois este inicio "non depende de ter unhas novas instalacións, xa que o servizo pódese empezar a prestar desde as actuais mentres non se resolva a construción do novo edificio".

A rexedora de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín opinou que “hoxe é un día para felicitarnos, pero tamén para seguir traballando porque o convenio estea firmado canto antes”.

Na reunión que tivo lugar hoxe no Pazo de Raxoi participaron os alcaldes e alcaldesas de Ames, Blas García; Santiago, Goretti Sanmartín; Teo, Lucía Calvo de la Uz; Vedra, Carlos Martínez; Boqueixón, Ovidio Rodeiro; Val do Dubra, Diego Díaz; Trazo, Josefina Suárez; e O Pino, Manuel Taboada. Non puido asistir por cuestións de axenda o alcalde de Brión, Pablo Lago.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Santiago presenta al área metropolitana el parque comarcal de bomberos y anuncia que explora alternativas a la sede en Salgueiriños"

El Correo Gallego: "Parque comarcal de bombeiros: as claves dun conflito que divisa a solución logo de 24 anos de espera"

El Correo Gallego: "Optimismo en Raxoi polo "avance considerable" do futuro parque comarcal de bombeiros"

Os nove concellos implicados na comarcalización do servizo de bombeiros reiteran o seu compromiso co proxecto

Multimedia

  • Os nove concellos implicados na comarcalización do servizo de bombeiros reiteran o seu compromiso co proxecto