- Tematica
Blas García participou na reunión convocada no Pazo de Raxoi para analizar os avances no proxecto de comarcalización do parque de bombeiros municipal de Santiago de Compostela, na que a alcaldesa de Santiago e o concelleiro de Mobilidade, Goretti Sanmartín e Xan Duro, deron conta dos contactos mantidos entre o Concello de Santiago e as outras administracións implicadas, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, que ratificaron os compromisos acadados fai anos de achegar ao proxecto tres millóns de euros, dos que dous millóns serán para as obras das futuras instalacións, e un millón de euros anual para os custos de persoal.
García, que xa puxo esta necesidade enriba da mesa no mes de setembro e se comunicou recentemente coa Alcadía de Santiago para convocar canto antes unha reunión destas características celebrou que por fin se atenda esta demanda e mostrouse esperanzado pero prudente pois “levamos moitos anos discutindo sobre este tema, espero de verdade que esta sexa a xuntanza definitiva que faga posible que a nosa veciñanza se encontre máis segura” e instou a que este proceso de comarcalización sexa o máis curto posible pois “as emerxencias non esperan a que os convenios estean firmados. Non é lóxico que para apagar un incendio no Milladoiro teñamos que esperar polos bombeiros de Boiro 50 minutos”.
O concelleiro de Mobilidade de Santiago, Xan Duro, explicou que a posta en marcha do servizo depende de “cubrir inicialmente as prazas necesarias con interinidades, posto que a resolución dos procesos de oposicións para a cobertura definitiva require de prazos máis demorados” e indicou que é viable comezar o servizo sen ter construído as novas dependencias pois este inicio "non depende de ter unhas novas instalacións, xa que o servizo pódese empezar a prestar desde as actuais mentres non se resolva a construción do novo edificio".
A rexedora de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín opinou que “hoxe é un día para felicitarnos, pero tamén para seguir traballando porque o convenio estea firmado canto antes”.
Na reunión que tivo lugar hoxe no Pazo de Raxoi participaron os alcaldes e alcaldesas de Ames, Blas García; Santiago, Goretti Sanmartín; Teo, Lucía Calvo de la Uz; Vedra, Carlos Martínez; Boqueixón, Ovidio Rodeiro; Val do Dubra, Diego Díaz; Trazo, Josefina Suárez; e O Pino, Manuel Taboada. Non puido asistir por cuestións de axenda o alcalde de Brión, Pablo Lago.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Santiago presenta al área metropolitana el parque comarcal de bomberos y anuncia que explora alternativas a la sede en Salgueiriños"
El Correo Gallego: "Parque comarcal de bombeiros: as claves dun conflito que divisa a solución logo de 24 anos de espera"
El Correo Gallego: "Optimismo en Raxoi polo "avance considerable" do futuro parque comarcal de bombeiros"