Solapas principales

Departamento de Educación

Noticias del departamento

A Xunta de Galicia vén de aprobar este luns, 31 de marzo, o prego de cláusulas administrativas, o expediente de contratación, o gasto e a apertura do procedemento de adxudicación para a construción do novo centro de educación infantil e primaria no Milladoiro. O expediente de contratación publicouse hoxe no portal de Contratos Públicos de Galicia. O centro, que acollerá a 450 alumnos e permitirá atender as necesidades educativas dunha poboación en aumento, será o primeiro colexio construído en base ás pautas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que deseña espazos educativos máis abertos, flexibles, sustentables, intelixentes e integrados na contorna.

A Xunta de Goberno Local, reunida o 26 de xuño de 2020, vén de aprobar o expediente de contratación, mediante procedemento aberto, do servizo dos Programas Municipais de Conciliación Lúdicos e Escola de Verán do Concello de Ames para os próximos catro anos. O valor estimado do contrato ascende a 1.142.362,37 euros e abrangue os custos da Escola de Verán, que se desenvolve nos meses de xullo e agosto, e os catro programas de conciliación -Entroido Lúdico, Primavera Lúdica, Setembro Lúdico e Nadal Lúdico-, que o Concello pon en marcha cada ano para conciliar a vida laboral e familiar nas épocas de vacacións escolares. A licitación faise por un período de dous anos e dous anos de prórroga, no sistema de un máis un.

O pasado 1 de xullo daba comezo unha nova edición da Escola de Verán, que se está a desenvolver no CEIP da Maía, no CEP de Ventín e na EEI do Milladoiro. Durante a primeira quincena de xullo, un total de 386 nenos e nenas están a participar neste programa de conciliación, unha iniciativa que pretende ofrecer unha alternativa de ocio e tempo libre aos nenos e nenas. A programación durante a primeira quincena de xullo xira arredor da cultura celta e a súa influencia nas nosas tradicións.  

A Xunta de Goberno Local do pasado xoves 10 de marzo aprobou a concesión de axudas para as actividades levadas a cabo polas ANPAs dos centros educativos amesáns nos exercicios 2020 e 2021. En total, as subvencións ascenden aos 24.085,97 euros, que servirán para apoiar as diferentes propostas das asociacións, como viaxes culturais, actividades extraescolares ou a organización de encontros e xornadas.

Estas axudas foron aprobadas en Xunta de Goberno Local o pasado 23 de decembro de 2020. O Concello concede estas subvencións co obxectivo de apoiar economicamente a realización de actividades, infraestruturas e investimentos levadas a cabo por estas entidades educativas.

As escolas infantís municipais do Bosque e A Madalena celebraron o pasado venres, 21 de febreiro, as súas respectivas festas de Entroido. Na Escola Infantil Municipal do Bosque a temática para disfrazarse foi as flores, mentres que na Escola Infantil Municipal da Madalena, os insectos. Ambas escolas desfrutaron de festas de Entroido coas familias, que este ano foron do máis animadas debido a que foron  moitos os papás e mamás que se animaron a ir disfrazados coas súas crianzas.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, realizou unha enquisa entre as familias usuarias da Rede municipal de comedores escolares de Ames. Dita enquisa foi solicitada no Consello Sectorial de Educación. A través da consulta obtivéronse 172 respostas, nas cales a maior parte das familias se mostran satisfeitos coa amplitude do horario de xantar, relación calidade/prezo, variedade e equilibrio do menú, cantidade dos alimentos, trato dos/as monitores/as cara os/as alumnos/as, co persoal que atende no comedor, nivel de satisfacción do alumnado coa comida, limpeza e hixiene, organización nas saídas, información facilitada ás familias, coas actividades que se realizan antes ou despois do xantar, e co trato do monitor/a co alumnado e familias. Tamén se deu a posibilidade e achegar comentarios para mellorar a calidade do servizo e observacións. Por último, pediuse unha valoración do servizo sendo a nota media un sobresaínte.

As nenas e nenos usuarias da Rede Municipal de Comedores Escolares celebraron este xoves 20 de xuño, penúltimo día de clase, o fin de curso cun xantar moi especial: churrasco con patacas fritas e, de sobremesa, xeado de xeo. O menú foi escollido polos propios rapaces e rapazas, nunhas eleccións organizadas, como noutros anos, polo propio Concello. As eleccións desenvolvéronse durante o horario no que se emprega o servizo de comedores no CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro. O primeiro prato, ensalada mixta, foi escollido pola nutricionista municipal.

A Feira das Profesións converteu hoxe ao IES do Milladoiro nun escaparate dos estudos e profesións na época da Intelixencia Artificial. Máis de 300 alumnos e alumnas de terceiro e cuarto da ESO e primeiro e segundo de Bacharelato puideron coñecer os requisitos para acceder á Universidade, á FP, á Policía Local, a Garda Civil ao Exército, como montar unha empresa ou prepararse para ser biomédico. Máis de 50 especialistas informaron e orientaron ao alumnado sobre estudos e saídas profesionais.

O Concello de Ames e a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade veñen de asinar o convenio de colaboración para a construción  dun novo centro de educación infantil e primaria (CEIP) no Milladoiro. A parcela onde se construirá o novo CEIP conta con 13.167 metros cadrados. A construción do novo CEIP do Milladoiro está incluído no Plan de Infraestruturas 2016-2020 da Xunta de Galicia e conta cun investimento estimado de 4 millóns de euros.  Actualmente, a Consellería de Educación está a traballar na elaboración do proxecto técnico da ampliación do CEIP Agro do Muíño.

Eventos del departamento

O Concello de Ames organiza o mércores 31 de agosto un acto na memoria dos once concelleiros da corporación municipal de Boimorto, detidos e asasinados pola represión franquista o 20 de agosto de 1936 nos Batáns. A homenaxe servirá ademais para informar sobre os traballos realizados na parroquia de Ortoño a comezos de agosto pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), co fin de localizar os corpos de seis dos once represaliados durante a Guerra Civil. Será ás 18:00 horas, na carballeira de Ortoño, ao carón da igrexa parroquial. Trátase dun acto aberto a toda a veciñanza que desexe asistir.

A ANPA do CEP de Ventín organiza o 5 dedecembro na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:30 horas, unha actividade formativa chamada "Para, Pensa, Conéctate contra a violencia de xénero". Nela falarase sobre o uso responsable das tecnoloxías para a prevención contra o ciberacoso e a violencia de xénero dixital.

A ANPA As Brañas e mailo CEP de Ventín organizan unha charla sobre a miopía que está dirixida ás familias. Será o venres, 3 de novembro, ás 17.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Nesta actividade colaboran o Concello de Ames e maila Universidade de Santiago de Compostela.

O CEIP de Barouta e as familias de sexto de Educación Primaria organizan o sábado, 25 de maio, a celebración da Festa da Primavera. Trátase dun evento aberto ao público. Será unha xornada lúdica que dará comezo ás 17:00 na praia fluvial de Tapia. Incluirá xogos populares, obradoiros, un concerto e unha tómbola. Todo o recadado irá destinado á excursión de fin de curso do alumnado de 6º de primaria.

Durante a xornada haberá diversos xogos populares para os cativos e cativas, unha tómbola con máis de 70 premios e, ao remate, un concerto a cargo de Pakolas.

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá mañá, 8 de marzo, a presentación do libro “Universo Inverso” ás 19:00 horas. Trátase dun libro de haikus que foi creado integramente polo alumnado de 6º de primaria do CEIP de Barouta, desde a redacción dos textos ás ilustracións. Durante o acto, presentado por Belén Xestal, 25 alumnas e alumnos recitarán algúns dos haikus que compoñen o libro acompañados de música en directo e de intérpretes en lingua de signos. Ademais, contarase coa actuación do grupo de danza GoPra Performance. Polo momento, o libro non estará dispoñible en librerías, pero poderá adquirirse durante a presentación ou chamando ao centro escolar para encargar algún exemplar.

O CEIP de Barouta organiza o venres 21 de xuño a celebración da Romaría de Fin de Curso 2024. Trátase dun evento aberto ao público. Será unha xornada lúdica que dará comezo ás 10:00 nas instalacións do centro educativo. Incluirá un roteiro, un xantar colaborativo, xogos, deportes e música, ademais da cerimonia de graduación do alumnado de 6º de Educación Primaria.