A radio municipal de Ames, Ames Radio, comezou a emitir este pasado martes, 15 de outubro, os programas enmarcados no proxecto Radio Cidadá, unha iniciativa que busca convidar á veciñanza a crear os seus propios espazos radiofónicos. Este ano hai quince programas, que formarán parte da grella de Ames Radio ata mediados do próximo mes de xuño. Nove deles xa foron emitidos en edicións pasadas, pero seis son de nova incorporación. Nos diversos espazos abórdanse temas como a música, historia, protocolo, benestar físico e emocional, mundo dixital, saúde, natureza e integración. Ademais, hai programas sobre a prensa rosa, repaso da actualidade e da sociedade, de consultorio, volta ao pasado e sobre mulleres silenciadas ao longo da historia.