Actualidad

O Concello de Ames, a través dos departamentos de Normalización Lingüística e Turismo, organizou catro rutas polo Mar de Ovellas, incluídas na programación de Rosalía 2025. Houbo tres saídas específicas para o alumnado dos institutos de Ames e realizouse unha para o público xeral. Arredor de 100 rapaces e rapazas do IES do Milladoiro, repartidos en dous grupos, participaron nesta actividade (a primeira saída foi o 18 de febreiro e a segunda o 11 de marzo). Do IES de Ames (Bertamiráns) participaron arredor de 50 alumnos/as que fixeron a andaina o 17 de marzo, mentres que a andaina para a veciñanza en xeral foi o pasado 27 de abril. Nesta cuarta ruta participaron 45 persoas. As andainas estiveron teatralizadas polo persoal do grupo teatral Os Quinquilláns e polo músico Luís O´Caruncho.

No vindeiros días 2, 3 e 4 de xuño, as novas unidades móbiles de expedición do DNI e Pasaporte visitarán o Concello de Ames. Con este novo sistema, a cidadanía poderá renovar o DNI e, como principal novidade, tamén o Pasaporte, xunto coa renovación dos certificados dixitais do DNI ou a actualización das claves electrónicas. Ademais, deste xeito, redúcese o tempo de xestión para estes trámites e, así, as persoas que pidan cita neste servizo poderán ter listos calquera dos documentos en cuestión de dez minutos. Haberá 44 citas dispoñibles para cada día e o horario será de 9:00 a 12:30 horas. As persoas interesadas en asistir, deben escribir ao enderezo electrónico gabinete@concellodeames.gal ou chamar ao número 881 074 730 indicando nome, apelidos e un teléfono de contacto.

Dende hoxe, venres 2, e ata o 16 de maio está aberto o prazo de inscrición para participar na Escola de Verán, unha oferta educativa e de ocio concibida para conciliar a vida laboral e familiar da veciñanza de Ames durante o período non lectivo dos meses de xullo e agosto. O servizo está dirixido aos nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria. O programa impartirase no CEIP da Maía, en Bertamiráns, e na EEI do Milladoiro e CEP de Ventín, no Milladoiro. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedores e Bos días. As persoas interesadas deben entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames ou nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns). As solicitudes presentadas fóra de prazo irán a unha listaxe de agarda.

A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde retoma a programación de Andainas Saudables, que está a percorrer o Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía por etapas. Desta volta, será a quenda da quinta etapa, que vai dende Dumbría ata Os Muíños. A andaina realizarase o vindeiro sábado, 10 de maio, e as persoas que estean interesadas en participar poden inscribirse cubrindo este formulario ata o mércores, 7 de maio, ás 14:00 horas. Haberá servizo de autobuses dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 9:00 horas; e dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 9:15 horas.

A Corporación municipal aprobou por unanimidade a resolución e adxudicación do novo contrato do servizo de axuda no fogar; a ratificación do decreto sobre a subsanación de deficiencias das obras de pavimentación do viario de Capeáns a Pousada; a ratificación dos decretos de personación e defensa no procedemento abreviado 80/2025, tramitado no Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Santiago de Compostela; a aprobación inicial do regulamento do consello sectorial da xuventude; a modificación do convenio de colaboración do programa Xantar na casa; a adhesión do Concello á asociación Ames Solar; e a modificación do regulamento do servizo de atención temperá. Tamén se aprobou por maioría absoluta a modificación do regulamento da rede municipal de comedores escolares, bos días cole e tardes divertidas; e maila excepción dos límites cuantitativos relativos aos investimentos do proxecto Ames Digital Water. Ademais, aprobáronse por unanimidade unha declaración institucional do grupo municipal socialista para establecer de interese xeral do estado a ampliación da EDAR de Sisalde; e unha moción do grupo municipal popular sobre a mellora de diversas vías do Concello de Ames. A moción do grupo municipal do BNG para amosar o rexeitamento do pleno ao proxecto de construción da macrocelulosa de ALTRI en Palas de Rei foi aprobada por maioría absoluta. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

O centro de depósito de residuos rexistrou 693 visitas no punto limpo de O Milladoiro e 44 no punto limpo móbil. Durante o pasado mes destaca a achega de 812 quilogramos de plástico, 729 unidades de pequenos aparatos eléctricos e electrónicos (PAES), 3.072 quilogramos de madeira e 5.019 quilogramos de mistura de formigón, ladrillos e outros refugallos procedentes da construción. O Punto limpo móbil ampliou os seus servizos, polo que o último sábado de cada mes presta servizo nas urbanizacións de Aldea Nova, As Mimosas e Agro do Muíño.

O Concello de Ames porá a disposición da Xunta de Galicia terreos para a construción dunha residencia de maiores no termo municipal amesán. Este ofrecemento está motivado nas recentes declaracións do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que anunciou o plan de residencias “máis ambicioso” da historia. Dende o Concello de Ames foron varios os alcaldes, de distinto signo político que trataron, sen éxito, de que o goberno autonómico aténdese esta reclamación histórica que se está a converter nunha necesidade ineludible.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP licitou a obra de cambio de cuberta do CEIP de Barouta por máis de 230.000 euros, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética do centro. A previsión, suxeita aos correspondentes trámites administrativos, é iniciar a obra a finais de xuño, tras a fin do curso académico, e rematala en setembro deste ano.

A partir do vindeiro venres, 2 de maio, estará aberto o prazo para que o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) poida renovar a súa praza de cara ao vindeiro curso 2025-2026. A solicitude poderase realizar ata o venres 9 de maio, a través da Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben de xeito presencial nas Oficinas de asistencia en materia de rexistro, situadas na Casa do Concello (Bertamiráns) e na Oficina municipal do Milladoiro. Premendo nesta ligazón podes descargar o impreso de solicitude de renovación de praza.

O programa do Apego continúa coa súa programación de actividades para as crianzas amesás neste vindeiro mes de maio. Desta volta, co obradoiro de cantos de berce “Arrolos de salitre”, de Guadi Galego e Guillerme Fernández, que se desenvolverá o vindeiro venres 9 de maio, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, mércores 30 de abril, ata o vindeiro xoves día 8 de maio. Para participar, é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, idade das crianzas e un teléfono de contacto.
- ‹ anterior
- 3 de 1380
- siguiente ›