Actualidad

Os Premios Youtubeir@s están organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, entre os que se encontra o de Ames, xunto coas tres universidades galegas e a Deputación da Coruña. Nesta cuarta edición hai cambios significativos nas súas bases e un incremento da súa dotación económica, que pasa dos 6.500 euros de 2019 a 7.500 euros para repartir nas doce categorías deste ano. O obxectivo dos premios é animar a creación de vídeos con temáticas e formatos diversos, buscando incrementar e darlle visibilidade tanto á produción en galego como á comunidade creadora e “Expandir a Rede”, como indica o lema deste ano.

O proxecto Enreguéifate ten como obxectivo revitalizar a regueifa valéndose de novos formatos e espazos, promovendo o uso de galego a través da improvisación oral en verso. Debido ao estado de alarma decretado pola Covid-19, nesta edición suspendéronse os obradoiros que se ían a impartir nos centros educativos, pero segue en marcha o certame de regueifa en vídeo, reforzándose os contidos virtuais con titoriais e vídeos con ideas para regueifarmos en confinamento. Materiais que se encontran dispoñibles na páxina web do proxecto, no seu Facebook e no seu Instagram, e que algúns tamén foron compartidos polas redes sociais do Concello de Ames. O prazo de presentación de vídeos remata o próximo 29 de maio.

O prazo de entrega de traballos para o Certame Literario de Ames interrompeuse o 14 de marzo, o mesmo día que se declarou o estado de alarma por mor da Covid-19, debido á suspensión decretada dos prazos administrativos. Nese momento quedaban 17 días do período de presentación de traballos, polo tanto, así que remate o estado de alarma ou muden as súas condicións en canto a prazos, haberá 17 días máis para presentar os traballos de maneira segura.

O proxecto Enreguéifate ten como obxectivo revitalizar a regueifa valéndose de novos formatos e espazos e promover o uso do galego a través da improvisación oral en verso. Debido ás circunstancias extraordinarias que estamos a vivir, nesta edición suspendéronse os obradoiros que se ían a impartir nos centros educativos, pero segue en marcha o certame de regueifa en vídeo e reforzáronse os contidos virtuais con titorias e vídeos con ideas para regueifarmos en confinamento. Estes materias están dispoñibes na páxina web e no Facebook e Instagram do proxecto. Dende o pasado 23 de marzo está aberto o prazo para a presentación de vídeos, que se estenderá ata o 29 de maio.

Preto de 1.000 alumnos/as recibirán nos seus fogares os libros de texto, ordenadores e material escolar do terceiro trimestre do curso 2019/2020. O goberno municipal ofreceu a súa colaboración aos equipos directivos dos centros escolares de Ames, dependentes da Xunta de Galicia, debido á situación de alarma sanitaria motivada polo COVID-19 e ás limitacións na mobilidade para desprazarse até os colexios por parte das familias.

O prazo de entrega de traballos para o Certame Literario de Ames interrompeuse o mesmo día que se declarou o estado de alarma polo coronavirus, e amplíase tantos días como duren as restricións de mobilidade. Debido á aprobación da nova prórroga, o prazo de entrega de traballos para o Certame Literario amplíase ata o 14 de maio, este incluído. Pero esta data non é definitiva e poderá ser obxecto de ampliación se fose aprobada unha nova prórroga.

O prazo de presentación de traballos ao XVII Certame Literario do Concello de Ames, que estaba previsto que rematara o 1 de abril, amplíase tantos días como dure o confinamento. É dicir, como de momento está previsto que sexan catro semanas, o prazo ampliaríase ata o 29 de abril, aínda que esta nova data estará suxeita a modificación, se o estado de alarma alonga máis no tempo.

O Concello de Ames, a través da Concellería de Normalización Lingüística, informa de que está aberto o prazo para participar na decimo sétima edición do Certame Literario de narrativa e poesía que se convoca de forma anual. Poderá concorrer neste certame calquera persoa que presente textos inéditos en lingua galega, con temática libre. Os textos poderán enviarse ata o 1 de abril de 2020 (incluído). En cada modalidade do certame, narrativa e poesía, establécense tres categorías, e en cada categoría, tres premios. En total, repartiranse 3.800 euros entre os/as gañadores/as, incrementándose a cifra en 840 euros con respecto ao ano pasado.

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle o próximo venres, 13 de marzo, ás 18.00 horas, a función “Barquiño de Pau” de A Tropa de Trapo. Esta obra de teatro, destinada a nenas e nenos de 0 a 6 anos, encontrase dentro do programa Apego. Para asistir á actividade requírese inscrición previa, a cal se pode formalizar enviando un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.gal. O prazo para facelo remata o próximo 12 de marzo.

O Concello de Ames organizou o pasado venres, 28 de febreiro, un acto en homenaxe a Rosalía de Castro con motivo do 183 aniversario do seu nacemento. Na gala, celebrada no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, participuo parte do alumnado dos centros educativos de Ames e outras persoas do mundo da cultura e do ensino. Houbo lecturas, dramatizacións e videocreacións que xiraron ao redor da obra desta poetisa profundamente ligada ao concello. Ao final do acto, que contou coa actuación de MJ Pérez e Iván Bernárdez, os e as asistentes recibiron de agasallo unha rosa e lámina na que se reproducía unha páxina do Herbario de Rosalía de Castro realizado pola escritora escritora María López Sández e a bióloga Isabel Fraga.
- ‹ anterior
- 30 de 36
- siguiente ›