- Tematica
A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de licitación das obras de asfaltado dos interiores do núcleo do Instrumento, situado entre as parroquias de Ortoño e Bugallido, así como da parte norte de Lapido. O proxecto, cun orzamento base de 201.615,04 euros, é parte do Plan Ames Progresa 2021-2023, e inclúe tamén a reforma da vía de acceso ao Instrumento dende Lapido.
Continúa o investimento do Concello de Ames nas infraestruturas do rural a través do Plan Ames Progresa 2021-2023, cunha nova mellora aprobada para o núcleo do Instrumento, situado entre as parroquias de Ortoño e de Bugallido. O proxecto, que aprobou a Xunta de Goberno Local a comezos de xuño, ten un orzamento inicial de 201.615,04 euros, que tamén afectará de xeito positivo ao núcleo de Lapido, xa que se actuará no acceso ao Instrumento dende este núcleo.
Deste xeito, actuarase de dous xeitos dependendo do treito. No caso dos interiores do Instrumento e da parte norte de Lapido, dous tramos de 320 metros e 190 metros, respectivamente, demolerase o firme actual e proxectarase un novo pavimento de formigón, con franxas lonxitudinais nas marxes e cortes transversais en lastra de pedra de granito. Baixo o pavimento disporase canalización de PVC con sumidoiros para a correcta drenaxe da nova plataforma.
Para o resto da vía, uns 680 metros que inclúen o espazo entre ambos núcleos e a entrada dende a estrada de Lapido, incrementarase cada marxe lateral en 50 centímetros, repararanse as fochancas e disporase a mesma capa de rodaxe. Ademais, no treito intermedio entre Lapido e O Instrumento executaranse 3 treitos con cunetas de seguridade, de 60 metros de lonxitude nas zonas interiores das curvas. As actuacións completaranse coa correspondente sinalización e cun novo sinal de stop.
O proxecto forma parte do Plan Ames Progresa 2021-2023, que inclúe outras melloras nas infraestruturas do concello, como a licitación do asfaltado da urbanización Aldea Nova, por 243.882,74 euros; a senda peonil de Lapido a Maguxe, adxudicada por 201.060,18 euros; a rede de pluviais no lugar de Cantalarrana, cun importe de 55.780,33 euros, ou as obras de saneamento e abastecemento de Guimaráns e Buceleiras, adxudicadas por 68.164,47 euros.
Neste senso pronunciouse o alcalde de Ames e concelleiro de Obras, Blas García. "Seguimos avanzando co Plan Ames Progresa, desta vez cunha actuación no núcleo do Instrumento, coa que continuamos mellorando as vías e as infraestruturas do rural, aumentando a súa vez a seguridade viaria”.