Pestanas principais

Historia

As terras de Ames tiveron desde tempos prehistóricos unha intensa ocupación como se evidencia na abundancia de xacementos e restos arqueolóxicos megalíticos e da idade dos metais. As desputas entre a Igrexa compostelá e os señores de Altamira xunto co importancia do Camiño xacobeo a Fisterra serán os fitos máis importantes do Medievo na Amaía que coñecerá unha importante expansión demográfica e agraria durante a Idade Moderna. A institucionalización de Ames como concello en 1836, a presenza de Rosalía de Castro e a creación do Seminario de Estudos Galegos en 1923 son algúns dos episodios máis sobranceiros da historia do noso concello.

Prehistoria e antigüidade

Nas terras de Ames hai catalogados máis dunha vintena de xacementos prehistóricos e protohistóricos sendo os máis salientables o depósito campaniforme do Milladoiro, os campos megalíticos de Bugallido, Lens, Ameixenda e Agrón, os conxuntos rupestres de Oca, Piñeiro e Covas, e mais os asentamentos castrexos da Rúa, Piñor, Castelo, Ortoño, Mirás e Cruxeiras. Saber máis >>.

Idade Media

Desde o século IX a Amaía aparece documentada como xurisdición e no século XII identificaba xa un arciprestádego dependente de Compostela. Nos séculos finais da Idade Media comarca foi escenario dunha dura desputa entre a mitra compostelana e a liñaxe dos Moscoso ao tempo que se afianzaban as rutas xacobeas polas terras de Ames. Saber máis >>.

Idade Moderna

Durante o Antigo Réxime as parroquias que componen o actual Concello de Ames estaban distribuídas entre as xurisdicións de Altamira, Dubra, Amaía e o Xiro da Rocha, pertencentes as catro á provincia de Santiago. Na xurisdición de Altamira estaban integradas as parroquias de Agrón, Bugallido, Lens, Ortoño e Trasmonte. O marqués de Alcañizas tiña o señorío sobre a xurisdición de Dubra que incluía as parroquias amienses de Piñeiro e Tapia. Ao arcebispo de Santiago tiña potestade sobre as xurisdicións de Amaía e Xiro da Rocha, a primeira abranguía as parroquias de Ames e Covas e a segunda as de Ameixenda e Biduído. Saber máis >>.

Idade Contemporánea

Reparase en tres feitos históricos que terán lugar en Ames durante os séculos XIX e XX: a súa institucionalización como concello en 1835; a estadía de Rosalía de Castro en Ortoño e a creación do Seminario de Estudos Galegos en 1923. Saber máis >>.