- Tematica
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu onte, 23 de febreiro, unha gala homenaxe a Rosalía de Castro. Esta gala, que foi o acto central da programación rosaliana organizada polo Concello, puxo o broche de ouro a máis dunha semana de actividades para revitalizar o pensamento e obra da escritora padronesa, e para poñer en valor o seu vínculo co concello de Ames. Premendo nesta ligazón podes acceder á galería de imaxes da gala.
Un ano máis, o Concello de Ames sumouse á conmemoración do aniversario de Rosalía de Castro, unha das escritoras máis universais de Galicia, moi vinculada a Ames, dado que a súa familia paterna era da Tarroeira (na parroquia de Ortoño). Para iso, os departamentos de Normalización Lingüística, Turismo, Mocidade e Bibliotecas deseñaron conxuntamente a programación “Rosalía Ames 2024”.
As actividades propostas este ano buscaban revitalizar a figura da autora, o seu pensamento e a súa obra, ademais de poñer en valor o seu vínculo co concello. Deste xeito, o obxectivo era restaurar a visión de Rosalía como unha muller culta, feminista e comprometida con Galicia e coas súas clases populares, así como cos seus sinais de identidade, nomeadamente, coa lingua.
Gala homenaxe a Rosalía de Castro
A Gala de homenaxe a Rosalía de Castro celebrouse onte, 23 de febreiro, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.
O evento estivo conducido pola comunicadora e actriz Cristina Collazo, e estivo cheo de música e poesía. Na parte musical contouse coa actuación da cantautora e dj High Paw, que realizou un espectáculo moderno e rompedor. Nel tamén participaron arredor de setenta persoas en representación dos centros educativos de Ames e doutros ámbitos culturais e deportivos. Deste xeito, alumnado dos centros educativos de infantil, primaria e secundaria do concello subiu ao escenario para recitar, cantar e teatralizar textos de Rosalía.
Participación dos centros de ensino
Os e as asistentes á gala puideron gozar, entre outras cousas, dunha montaxe teatral da man do CEIP de Barouta e dunha montaxe audiovisual creada pola EEI do Milladoiro. Ademais, o alumado do IES de Bertamiráns recitou versos de Rosalía en dezaseis linguas diferentes, e os rapaces e rapazas do IES do Milladoiro emitiron un programa de radio en directo durante o evento. Tamén cómpre destacar o traballo feito ao redor da figura de Rosalía por parte do alumnado do CEP de Ventín, que recitaron varios poemas con acompañamento de violín.
Os rapaces e rapazas do CEIP A Maía expuxeron o traballo “As palabras de Rosalía”, no que relacionaron a obra rosaliana con diversas palabras. Tres alumnas e un alumno subiron ao escenario par recitar distintos poemas de Rosalía, e ao final púidose ver unha montaxe audiovisual. O alumnado do CEIP Agro do Muíño fixo o traballo “O xardín de Rosalía”, relacionado co herbario de Rosalía, traballo que expuxeron dez alumnas/os nesta gala.
Tamén lle puxeron voz a Rosalía persoas destacadas como o rapeiro amesán Big Meu; a futbolista e canteira do Deportivo, Antía Veiga; o patinador do Club de patinaxe Sarela e bronce na última Copa de Europa de patinaxe, Jorge Sanmartín; a mestra deseñadora de encaixe, Ana Rosa Lista; e a educadora musical e compositora, Leticia Falcón.
O alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto, participaron na gala de homenaxe a Rosalía de Castro, xunto a outros moitos/as concelleiros e concelleira da Corporación municipal.
O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, agradeceu “o traballo que fai a comunidade educativa de cada un dos centros educativos do noso concello porque hai moita calidade nos traballos e representacións que se están facendo nesta gala. Quédome cun palabra sobre o que estamos vendo hoxe aquí que é orgullo. Teño que dicirvos que temos que ter orgullo de ser galegos, de ser de Ames, e sobre todo, que teñamos orgullo da nosa lingua. Temos un tesouro moi importante que é o galego, esa lingua que non debemos esquecer e debemos falar todos e todas, porque falar galego non exclúe falar outras linguas. O bo do galego é que é universal, e o bo de Rosalía é que tamén foi universal e segue sendo universal. Non deixedes de falar en galego, porque se a xente moza o fala, vai a ter futuro”.
A concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto, tamén agradeceu o traballo do alumnado e profesorado dos centros educativos de Ames. “Este aniversario encádrase entre o 21 de febreiro, día internacional da lingua materna, e o 8 de marzo, día internacional da muller. Penso que unha figura como Rosalía de Castro, muller, feminista, reivindicativa da cultura e defensora da lingua galega, non é casualidade que nacera un 23 de febreiro. Non quero esquecerme tampouco da lingua, a nosa lingua, o galego. Por iso quero pedirvos, en especial, a vós nenos e nenas, que non esquezades de falar galego e de levala polo mundo enteiro”.
Programación “Rosalía Ames 2024”
A programación deste ano foi deseñada e organizada polos departamentos de Normalización Lingüística, Turismo, Mocidade e Bibliotecas. A dita programación comezou o pasado xoves 15 de febreiro con “#Luxo no lixo”, unha intervención urbana ao aire libre utilizando as papeleiras e colectores dalgunhas rúas de Bertamiráns e do Milladoiro para colocar arredor de 500 vinilos coa silueta de Rosalía e cunha escolma dos seus versos. A finalidade era animar tanto a veciñanza como os visitantes a visitar ou revisitar a obra rosaliana, sempre de actualidade. Estes vinilos estarán expostos ata o 29 de febreiro.
O sábado 17 de febreiro, tivo lugar a actividade “Viaxando con Rosalía”, unha excursión literaria á casa de Rosalía en Padrón, con paradas en Ortoño e Bastavales. A visita, na que participaron 50 persoas, estivo guiada pola experta rosaliana María López Sández.
A primeira parada da visita foi en territorio amesán, na casa situada na Tarroeira, na parroquia de Ortoño, onde Rosalía pasou parte da súa infancia e visitaba decotío ás súas tías paternas. A saída continuou en Bastavales, na parroquia de Brión, onde se atopa a igrexa cuxas campás protagonizaron un dos versos máis soados da autora. Os e as asistentes tiveron a oportunidade de entrar ao templo, de escoitar o son das ditas campás e de subir ao campanario.
A excursión rematou no Concello de Padrón, na Casa-Museo Rosalía de Castro. Alí, Sández fixo un percorrido polas diferentes estancias do edificio e comentou distintas etapas da vida e da obra da autora.
O xoves 22 de febreiro organizouse na Casa da Cultura do Milladoiro o obradoiro “Música e Rosalía” de Leticia Falcón. Esta actividade, incluída tamén na programación Apego, foi un obradoiro de estimulación temperá para crianzas de 0 a 6 anos que busca achegar aos máis pequenos á música e á lingua a través da figura de Rosalía de Castro.
O propio xoves 22 tivo lugar unha nova edición das iniciativas “Caldo de Gloria” e “Café con verso” nos comedores escolares e nos locais de hostalaría de Ames. Nesta edición, o “Café con Verso” estivo amenizado polas actuacións de Luis O’Caruncho e Oli Xiráldez nos locais. Ademais, os músicos repartiron tarxetas con versos rosalianos para difundir a súa obra, pensamento e figura.
Así mesmo, nos comedores dos centros escolares de Ventín, Barouta, Agro do Muíño e Maía o alumnado puido degustar o Caldo de Gloria e desfrutar dunha animación musical dos versos rosalianos da man de Luis O’Caruncho e Oli Xiráldez. O Caldo de Gloria descríbeo a escritora no seu poema “Miña casiña, meu lar” de Follas Novas, no que unha muller conta como consegue, fronte ás adversidades que as rodean e ás súas propias penurias, facer un caldo de gloria.
Obradoiros nas bibliotecas municipais
Por outra banda, o venres 23 e o sábado 24, nas bibliotecas municipais organizáronse dous obradoiros para facer pins e chapas para conmemorar o Día de Rosalía. Dirixidos a nenos e nenas a partir de 3º de primaria, foron onte, venres 23, na biblioteca do Milladoiro, e hoxe sábado na biblioteca de Bertamiráns.
Andaina polo Mar de Ovellas
Este ano, como novidade, organizouse unha andaina teatralizada pola Costa do Mar de Ovellas baseada no poema rosaliano “A probiña, que está xorda...!”. A ruta estaba programada para este domingo, 25 de febreiro, pero houbo que adiala por causas meteorolóxicas. Dende os departamentos de Normalización Lingüística e Turismo informan que está previsto que proximamente se comunique unha nova data para realizar a andaina teatralizada polo Mar de Ovellas.
Esta andaina desenvolverase coa colaboración do grupo teatral Os Quinquilláns e do músico Luís O’Caruncho. Durante o camiño haberá diferentes paradas nas que estes artistas nos achegarán á obra, á traxectoria e á vinculación da escritora co Concello de Ames.
A ruta parte de Augapesada e vai ata o local social de Trasmonte. O seu itinerario coincide co Camiño de Fisterra – Muxía. O percorrido será de 4 km, de dificultade media, cunha subida de ata o 10% de desnivel e cunha duración de aproximadamente dúas horas. A actividade rematará no local social de Trasmonte coa degustación do Caldo de Gloria que Rosalía recolle no poema “Miña casiña meu lar”.