Pestanas principais

Teatro do Morcego representará a peza teatral "A nona" en Bertamiráns

Xoves, 24 de febreiro de 2011

[24-02-2011] O teatro volve a Ames dentro da programación cultural de inverno do Concello. Mañá venres terá lugar a representación de "A nona" a cargo da compañía Teatro do Morcego na Casa da Cultura de Bertamiráns. Trátase dunha comedia na que unha familia tentará desfacerse da avoa con terríbeis resultados. Antes da representación a propia Casa da Cultura acollerá unha homenaxe ao actor Andrés Pazos, finado no pasado mes de xaneiro.

A compañía Teatro do Morcego representará mañá na Casa da Cultura de Bertamiráns "A Nona". A obra é unha comedia delirante de Roberto Cossa que narra a historia dunha familia arxentina de orixe italiana. A avoa da mesma come sen parar mentres os seus parentes se encamiñan á ruína procurando cartos polos máis diversos métodos, da prostitución ao timo pasando pola mendicidade. Levados pola desesperación a familia comeza a tentar asasinar a avoa. Porén, son eles mesmos os que van morrendo un a un nos súas fracasadas tentativas. A obra conta no seu reparto con Miguel Pernas, Mundo Villalustre, César Goldi, Mónica Camaño, Elina Luaces, Miguel Varela e Iolanda Muíños.

Teatro do Morcego foi fundada en 1989 polo actor e director Celso Parada e Isabel Ávila. Mantén a súa actividade ininterrompida desde entón, recibindo premios como os Compostela por "Misterio cómico" e "Doberman", María Casares por "Lazariño de Tormes", e sendo finalista en varias ocasións. Realizou importantes montaxes como "O burgués fidalgo", de Molière, "Os vellos non deben de namorarse, de Castelao", "A Gran ilusión", de Eduardo de Filippo ou "Morte accidental dun anarquista", de Darío Fo. Na compañía traballaron e traballan importantes actores galegos como Maxo Barjas, Luísa Merelas, Santi Prego, X. Estévez, X. Carlos Mosquera "Mos", Carlos Blanco, Paco Campos, Miguel Varela, Mundo Villalustre, Gonzalo Uriarte, E. R. Cunha "Tatán", Pepa Barreiro, Casilda García, Sonia Rúa ou Salvador del Río.

"A nona" representarase ás 21:00 horas. Previamente, na propia Casa da Cultura de Bertamiráns terá lugar unha homenaxe ao actor Andrés Pazos. O intérprete galego, protagonista de filmes como "Whisky", desenvolveu case toda a súa carreira profesional en Uruguai e faleceu a consecuencia dun cancro en xaneiro de 2010. Na homenaxe intervirán Celso Parada e a viúva do actor, Marta Ottón.