[08-04-2011] O concelleiro de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico, Francisco Villaverde, foi o encargado de presentar a sexta edición do certame Millarock. Este concurso ten como obxectivo promocionar e darlle un pulo a todos eses grupos galegos que están comezando no mundo da música. Os candidatos deben enviar a súa maqueta antes do 26 de maio. A resolución publicarase o próximo 23 de xuño e o gañador recibirá un premio de 1.000 euros e a posibilidade de actuar diante do público amiense no Millarock 2011, que se celebrará o vindeiro 5 de agosto no aparcadoiro que está situado diante do pavillón polideportivo do Milladoiro.
Ames busca unha nova banda que destaque no panorama musical galego. Despois de que o grupo Belöp se alzase co premio da quinta edición do certame Millarock, o Concello de Ames pon en marcha unha nova edición deste certame. Un ano máis, e xa se cumpre a sexta edición, o Concello de Ames comeza a organizar o seu emblemático festival Millarock para a promoción de grupos emerxentes que están traballando no mundo da música e que precisan unha pequena axuda para captar ó público e para seguir evolucionando. Os grupos que gañaron este certame nos últimos tres anos foron Invivo, Dirty Socks e Belöp.
O concelleiro de Cultura, Francisco Villaverde, explicou na rolda de prensa de presentación que "este certame está divido en dúas partes. Por unha banda hai un concurso previo para elixir a un grupo que exercerá de teloneiro no festival Millarock que terá lugar o vindeiro día 5 de agosto. Ademais recibirá un premio económico de 1.000 euros". Villaverde engadiu que "este certame naceu no ano 2006 co obxectivo de estimular aos novos grupos para que empecen a ser coñecidos dentro do mundo musical galego. Ademais serve para impulsar e promocionar a lingua galega dentro do eido musical".
Deste xeito, as bandas interesadas xa poden ir preparando as súas propostas para presentalas antes do día 26 de maio. Os candidatos deberán presentar unha maqueta, que inclúa dúas cancións de creación propia e que teñan a letra en galego, en formato mp3 e cun mínimo de compresión de 192 kbits. No sobre no que porá claramente VI CERTAME MILLAROCK tamén se incluirá un breve dossier coa historia e fotografías do grupo en formato dixital.
As bandas que desexen participar no certame, que poderán ter editado un disco como máximo no mercado, deberán adscribir o seu estilo a algunha das categorías presentes: pop rock (rock’n’roll, pop, garage, psicodelia, rock, ska, reggae, punk, noise, R&B… e outras combinacións) metal (rock duro, heavy metal, trash, speed metal, doom, metal gótico, industrial, AOR, hardcore, rap metal… e outras combinacións) ou hip-hop (trip-hop, rap… e outras combinacións).
O ditame do xurado darase a coñecer o día 23 de xuño de forma inapelable. Os membros que formarán ese xurado serán escollidos polo Concello de Ames entre persoas con coñecemento e experiencia acreditada na música rock. Para que a decisión teña validez, será necesaria a asistencia de dous terzos dos seus membros para emitir o resultado final. Estas deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.
O mellor grupo, a criterio do xurado, actuará no festival Millarock o 5 de agosto de 2011, que terá lugar no aparcadoiro do polideportivo do Milladoiro a partir das 22:00 horas. A banda gañadora do certame tamén recibirá como premio 1.000 euros.
Os vencedores do concurso gozarán cunha actuación de ata 40 minutos no recital amiense no que a organización lles facilitará tanto o equipo como un técnico de son, escenario e equipo de iluminación. O grupo empregará o seu propio backline na actuación.
A banda que se alce co primeiro posto neste certame e participe no festival cederá o seu consentimento e dereitos, nunca cun uso comercial, para a publicación ou emisión do concerto.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado
El Correo Gallego: "El certamen musical Millarock está dotado con un premio de mil euros"
El Correo Gallego: "El certamen musical Millarock está dotado con un premio de mil euros"