Pestanas principais

Apróbase en Pleno o pago de facturas pendentes por valor de 476.904 euros

Sábado, 16 de abril de 2011

[16-04-2011] Os asuntos económicos e de facenda centraron os temas que se debateron no Pleno extraordinario celebrado este venres 15 de abril. A corporación municipal aprobou por maioría simple (cos votos a favor do grupo de goberno e coa abstención dos grupos municipais popular e nacionalista) un recoñecemento extraxudicial de crédito para aprobar o pagamento de diversas facturas correspondentes a gastos efectuados en exercicios anteriores por valor de 476.904 euros. A corporación municipal tamén aprobou por maioría simple a aprobación definitiva da conta xeral de 2009. Ademais aprobouse por maioría simple unha modificación presupostaria, que é o primeiro paso para solucionar unha situación existente no Concello de Ames dende os anos noventa, polos servizos que ven prestando a empresa Espina & Delfín. Por ultimo, a corporación municipal aprobou por unanimidade o convenio de colaboración para organizar a VII Feira de Comercio Val da Maía.

A sesión plenaria extraordinaria que se celebrou este venres 15 de abril tivo un marcado carácter económico. En primeiro lugar debateuse a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito para aprobar o pagamento de diversas facturas correspondentes a gastos efectuados en exercicios anteriores, fundamentalmente do ano 2010, e que non foron aprobadas nese exercicio nin imputadas ao orzamento correspondentes por non existir crédito suficiente. Trátase de gastos correntes que ascenden a un importe total de 476.904,35 euros. Este punto xa foi incluído no pleno ordinario do mes de marzo, pero non puido debaterse porque á media noite levantouse a sesión plenaria.

A concelleira de Economía e Facenda, Patricia Conde, explicou que "estes gastos están financiados con diferentes expedientes. Por un lado sufráganse cunha transferencia de crédito que provén dunha partida correspondente ao gasto do plan comarcal de transporte. Visto que hai unha partida recollida no orzamento duns 300.000 euros aproximadamente e visto que xa foron aboados os atrasos correspondentes a exercicios anteriores podemos prescindir da cantidade de 100.000 euros. Polo tanto se transferirían uns 100.000 euros do plan comarcal de transporte. En canto ao plan comarcal de bombeiros, ao ter presupostado unha contía superior ao que final tivermos que aboar, tamén podemos dedicar o excedente para pagar estes gastos".

Patricia Conde continuou dicindo"ao mesmo tempo xera crédito o expediente da axuda que nos dá a Deputación da Coruña, a través do Plan de Obras e Servizos, que ofrecía a posibilidade aos concellos de empregar o 50% desta axuda para sufragar gasto corrente. O Concello de Ames solicitou o ano pasado esta axuda e veulle aceptada polo que dispón de 237.354,26 euros máis, que non estaban previstos no orzamento, para gasto social. Tamén se financian estas facturas coa reserva do gasto que se fixera para a ampliación do servizo de limpeza viaria, polo que se poden dedicar uns 100.000 para este pagamento".

Dende o BNG de Ames manifestaron que "non ían a impedir o pagamento destas facturas porque estaban comprometidos coas pequenas e medianas empresas ás que se lle tiñan que pagar estas facturas". Mentres dende o PP de Ames incidiron en que dende o goberno municipal tiñan que "facer unha maior contención do gasto" e catalogaron esta operación de "irresponsable". Este punto foi aprobado por maioría simple cos votos a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno e coa abstención dos grupos municipais popular e nacionalista.

Conta xeral 2009

O segundo asunto que se recolleu na orde do día foi a aprobación definitiva da conta xeral de 2009. A liquidación desta conta aprobouse o 15 de decembro de 2010 por decreto de alcaldía e douse conta dela no Pleno ordinario do pasado mes de decembro. Unha vez que a conta foi formalizada polo departamento de Intervención, segundo establece a lexislación, convocouse a comisión especial de contas, cun prazo de 15 días de antelación para que os concelleiros/as da corporación municipal puidesen revisar a devandita conta xeral.

O pasado 9 de marzo os membros dos tres grupos políticos municipais, que forman a comisión informativa especial de contas, ditaminaron a favor desta conta. Tras este acordo abriuse un prazo de exposición ao público que rematou o 8 de abril, para que todas as persoas que o considerasen oportuno puidesen presentar as correspondentes alegacións. Ao non presentarse alegacións tivo que ser o Pleno o encargado de aprobar de xeito definitivo esta conta. Este punto foi aprobado por maioría simple, cos votos a favor do grupo de goberno e coa abstención dos grupos municipais popular e nacionalista. Agora deberá ser remitida ao Consello de Contas de Galicia e ao Tribunal de Contas.

A liquidación desta conta amosa un saldo positivo que ascende a 405.838 euros. O informe de liquidación pon de manifesto que se presupostou correctamente e se executou o orzamento de acordo coas previsións, e dicir, amosa que o gasto orzamentario foi inferior ao ingreso. Por outra banda o remanente de tesourería pon de manifesto que o estado de liquidez a curto prazo da entidade é negativo e ascende a 639.625,75 euros. Isto débese ao non concertar as operacións de préstamo que estaban previstas nos orzamentos elaborados polo Concello dende o ano 2004.

Deste xeito o Concello de Ames ponse ao día na rendición de contas. Dende o mes de xuño de 2009, momento no que se produciu unha reestruturación no departamento de Intervención, presentáronse as contas dos exercicios 2006, 2007, 2008 e 2009. O departamento de Intervención xa está traballando na elaboración da conta de 2010 co obxectivo de poder presentala ante do 1 de xuño deste ano.

Modificación orzamentaria

Ademais a corporación municipal tratou a modificación inicial dunha operación orzamentaria. Este punto foi presentado pola concelleira de Economía e Facenda, Patricia Conde, que dixo "trátase de darlle a aprobación inicial a unha modificación presupostaria, que é o primeiro paso para solucionar unha situación existente no Concello de Ames dende os anos noventa, polos servizos que ven prestando a empresa Espina & Delfín".

Patricia Conde continuou dicindo que "a través da aprobación desta modificación orzamentaria o que se pretende é compensar os gastos que fixo esta empresa, que en moitos casos non pasaban tan sequera polo orzamento municipal, cos ingresos que recadaba e que non se ingresan nas arcas municipais. Consecuencia dese proceso de regularización sae un saldo a favor do Concello de Ames duns 857.000 euros que serán ingresados nas arcas municipais".

O voceiro nacionalista, Xosé Fernández, manifestou o apoio do seu grupo municipal "para aclarar unha situación irregular que xa ven de moi vello. Nós non vamos poñer impedimentos para que esta situación se regularice, pero tamén temos que dicir que houbo moitos anos para poder facelo".

Por parte do PP de Ames interveu o seu voceiro, Santiago Amor, que preguntou polos xuros que a empresa tería que aboarlle ao Concello de Ames por esta operación. Debido a iso presentou unha emenda para deixar este tema encima da mesa mentres non se aclarase este tema.

O alcalde de Ames, Carlos Fernández, respondeu a esta cuestión dicindo que "estamos a falar dunha operación de compensación que evita un preito. Se pedimos xuros de demora por estes cartos a empresa pedirá xuros de demora por valor de 857.000 euros. Polo tanto é unha compensación e uns intereses compénsanse cos outros".

Primeiro votouse a emenda presentada polo PP de Ames que foi rexeitada cos cotos en contra dos nove concelleiros/as do grupo de goberno, a abstención dos cinco concelleiros/as do grupo municipal nacionalista e co voto a favor dos sete concelleiros/as do grupo municipal popular. Este punto saíu adiante por maioría simple cos votos a favor do grupo de goberno e coa abstención dos grupos municipais popular e nacionalista.

Convenio para organizar a VII Feira do Comercio

Por último a corporación municipal aprobou por unanimidade o convenio de colaboración para organizar a VII Feira de Comercio Val da Maía. Todos os anos se subscribe un convenio de colaboración entre o Concello de Ames e a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB), a través do cal a Administración local achega unha contía económica para sufragar parte do custo total que se deriva da organización deste evento.

Este ano o Concello de Ames achegará a contía de 15.000 euros, que representa o 65,90% do presuposto total que custa a organización deste evento. O custe estimado da organización da VII Feira do Comercio Val da Maía ascende a 22,760,99 euros.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames cobrará 857.000 euros del canon del agua"
El Correo Gallego: "Ames pagará 477.000 € de facturas atrasadas"