Pestanas principais

Esta fin de semana comeza unha nova edición do programa de Animación do Comercio na Rúa

Xoves, 12 de maio de 2011

[12-05-2011] A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente pon en marcha, por sexto ano consecutivo, unha nova edición do programa de Animación do Comercio na Rúa co obxectivo de fomentar e dinamizar o comercio local nos núcleos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns. Tras a boa acollida de edicións anteriores, e para achegar esta actividade a un sector máis amplo de poboación, este ano preséntase un programa combinado con espectáculos circenses de rúa e instalación de inchables.

Un ano máis e coa chegada da primavera a Concellaría de Promoción Económica vai poñer en marcha unha nova edición do programa de Animación do Comercio na Rúa que, por sexto ano consecutivo, pretende converter as rúas e prazas amienses en espazos dinámicos e atractivos de cara a fomentar e dinamizar o comercio local. Tras a boa acollida de edicións anteriores, e para achegar esta actividade a un sector máis amplo de poboación, este ano preséntase un programa combinado con espectáculos de novo circo e instalación de inchables.

Así as prazas de Manuel Murguía, no Milladoiro, e a de Chavián, en Bertamiráns, acollerán a instalación de inchables os días 27 e 28 de maio e o 17 e 18 de xuño respectivamente, entre as 17:00 h. e as 20:00 horas. Esta actividade estará complementada cun animador que percorrerá, nunha bicicleta de tres prazas, as rúas máis comerciais facendo globoflexia.

Como novidade este ano levaranse a cabo espectáculos de clown e malabares nas principais prazas e rúas comerciais. Esta actividade alternarase coa instalación dos inchables e haberá dous pases, un as 17:30 h. e outro as 18:30 horas. Isto serán os días 13 de maio e 10 de xuño no Milladoiro, e o 14 de maio e 11 de xuño en Bertamiráns.

Coma en todas as edicións anteriores o Concello corre cos custos totais do programa, e as actividades terán carácter gratuíto para toda a cidadanía. Esta nova edición desenvolverase durante un total e 8 días dos meses de maio e xuño, repartidos en catro venres no Milladoiro e catro sábados en Bertamiráns.

Esta iniciativa, promovida dende a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente, forma parte do plan de valorización e promoción do comercio local de Ames xunto a outras actuacións postas en marcha ao longo do ano. Co obxectivo de difundir esta actividade entre a clientela e potenciais usuarios/as distribuiranse de xeito gratuíto carteis e cuartillas entre os establecementos comerciais.

A concelleira de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente, Úrsula Seijas, explicou que "cada ano tentamos mellorar a fórmula deste programa. Hai catro anos ampliamos a animación na rúa a outras zonas comerciais de Bertamiráns e incluímos neste programa á localidade do Milladoiro. Despois fomos mudándoa en función dos resultados, sempre buscando a máis beneficiosa para o comercios. Así este ano, introducimos espectáculos circenses que se mesturaran coa instalación de inchables. O que pretendemos é fomentar e animar as tarde de compras coincidindo coa chegada do bo tempo, tentando así facer máis agradable e atractivas as nosas rúas".

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El programa de dinamización del comercio en Ames vuelve en mayo y junio"
El Correo Gallego: "La animación del comercio a pie de calle regresa a Ames"