Pestanas principais

O Concello de Ames edita a primeira guía da ruta de Riamontes

Mércores, 08 de xuño de 2011

[08-06-2011] O Concello de Ames continua promovendo o coidado e difusión dunha ruta de tanto valor ambiental e patrimonial como é a de Riamontes. Para iso acaba de editar unha guía de campo, que amplía a información sobre a flora e fauna, que se pode atopar nesta ruta. Esta guía, que está dividida en dous volumes un dedicado á flora e aos cogomelos e un segundo volume dedicado á fauna, foi elaborada por dez autores pertencentes a un equipo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela. A guía está impresa en papel reciclado, seguindo as boas prácticas de educación ambiental, que se levaron a cabo nos últimos anos. Esta medida únese as xa postas en marcha dende a Administración local como son a edición dun folleto informativo, a colocación de paneis informativos no percorrido da ruta que informan das especies características por cada zona, as andainas para coñecer de preto a beleza do emprazamento ou a edición doutros documentos como a guía das aves de Maía.

O Concello de Ames leva anos traballando no mantemento do patrimonio cultural, así como na conservación da enorme biodiversidade ambiental que ten esta ruta. Enténdese por biodiversidade non só un alto número de especies se non tamén a presenza de diferentes hábitats e as diversas relacións que existen entre as especies e o seu contorno.

Conscientes de que é preciso coidar este rico patrimonio natural, o Concello de Ames está comprometido na procura de ferramentas que difundan entre a cidadanía a nosa riqueza patrimonial, dado que o coñecemento é imprescindible para a valorización dos recursos e a súa posta en valor é o primeiro paso para a implicación individual na protección e conservación do patrimonio colectivo. Froito deste compromiso e do esforzo e traballo de moita xente xorde esta guía sobre a ruta de Riamontes, cun primeiro volume chamado Plantas e cogomelos, que dedicado á flora e aos cogomelos, e cun segundo volume denominado Fauna fluvial, insectos, aves e mamíferos dedicado á fauna.

O traballo para elaborar a guía comezou no ano 2006 coa sinatura dun contrato administrativo de consultaría e asistencia coa a Universidade de Santiago de Compostela para a elaboración dunha colección de guías de campo de carácter divulgativo sobre a fauna e flora desta ruta.

No ano 2007 lévanse a cabo os traballos de campo en cada un dos grupos estudados visitando os investigadores a ruta mensualmente para localizar , identificar fotografar as diferentes especies ao longo do ano. Durante o ano 2008 e parte do 2009 redáctanse e normalízanse os texto. Por último os traballos de maquetación e deseño, é as correccións ocupan gran parte do ano 2010.

A guía presentase en forma de fichas nas que figura para cada especie a familia a que pertence; os nomes en galego e castelán; a distribución e hábitat; unha breve descrición da especie; a bioloxía e ecoloxía; e os usos e unha fotografía. Para redactar os contidos da guía procurouse empregar unha linguaxe cha, fuxindo de tecnicismos. Con todo foi imprescindible facer uso dalgunhas palabras técnicas que se definen nos glosarios. Ao final inclúese unha selección de referencias bibliográficas e os índices dos nomes científicos

A guía foi elaborada por un equipo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela que estivo composto por Iñigo Pulgar Sañudo, Doutor en bioloxía do Departamento de Bioloxía Vexetal; Rufino Vieira Lanero, Doutor en bioloxía, Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con"; María José Servia, Doutora en bioloxía, Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con"; Fernando Cobo Gradín, director da Estación de Hidrobioloxía "Encoro do Con"; Xosé Pardavila de Sorex Ecoloxía e Medio Ambiente SL; Juán Carlos Jaramillo, Biólogo do Departamento de Bioloxía Animal- Vertebrados; Carlos Otero González, Doutor de bioloxía e profesor titular da Facultade de Bioloxía; María José López Fernández, bióloga do Departamento de B.A. - Artrópodos; Xaime González Biólogo, profesor de secundaria, e Antonio Gende, veterinario da Sociedade Galega de Historia Natural. O equipo investigador asesorará ao concello sobre as actuacións medio ambientais para a recuperación, conservación e mellora do espacio de Riamontes.

O luns pola tarde tivo lugar no salón de Plenos da Casa do Concello unha xuntanza entre a concelleira en funcións de Medio Ambiente, Úrsula Seijas, e os autores para presentarlle a estes últimos o resultado final da guía. Os propios autores déronlle os parabéns ao Concello por esta iniciativa e destacaron que moitos parques naturais e concellos de Galicia con espazos con gran valor natural non dispoñen dun documento deste tipo. Seijas entregoulle un exemplar da guía a cada un dos autores.

A concelleira en funcións de Medio Ambiente, Úrsula Seijas, explicou que "estas guías son o froito do traballo de moitos anos. Agardamos que cumpran o seu obxectivo que non é outro que difundir entre a cidadanía esta ruta e poñer en valor esta extraordinaria riqueza ambiental e cultural, como primeiro paso para a súa recuperación, algo que non é só unha obriga ética senón unha necesidade para o ser humano".

Ruta de Riamontes

A ruta de Riamontes alberga unha extraordinaria riqueza ambiental e cultural. A enorme variedade de especies vexetais e animais que atopamos nas pequenas fragas do regato de Riamontes fálanos dun espazo equilibrado e diverso onde os saltos e as pequenas fervenzas salpican a contorna con pingas de auga cristalina. A ruta é circular e comeza e remata na aldea de Vilar, na parroquia de Ames. Neste lugar están instalados diversos paneis interpretativos que lle axudarán ao/a camiñante a guiarse e descubrir os tesouros que se agochan neste espazo.

O primeiro tramo do percorrido lévanos por un vello camiño entre prados e árbores froiteiras no que podemos gozar dunha paisaxe tipicamente rural. Entramos logo nun fermoso tramo que discorre á carón do rego de Riamontes e que alberga, amais da multitude de especies que amosan estas guías, un total de 11 muíños encadeados. Os muíños de Riamontes, en diferente estado de conservación, gardan entre os seus muros unha infinidade de historias das muiñadas de outrora. Continuando o ascenso, pasamos pola poza onde se encoraba a auga durante o verán para o funcionamento dos muíños. Hoxe nesta poza podemos observar unha gran cantidade de anfibios e moitas pegadas de animais que se achegan ata ela para beber.

Seguindo a camiñada, a ruta lévanos ao alto de San Marcos, a 260 metros sobre o nivel del mar. Desde alí podemos contemplar unha espléndida visita do val da Maía, o val formado polo río Sar. Alí no alto atopamos tamén os restos da ermida de san Marcos. Os sinais indicativos axúdannos a emprender o descenso por un carreiro entre matogueiras e plantacións forestais que nos levará de volta a Vilar.

Dende o Concello de Ames agardan que estas completas guías de campo da Ruta de Riamontes sirvan para poñer en valor esta parte do patrimonio amesán e para lembrar tamén que a conservación da natureza non é só unha obriga ética, senón unha necesidade para a especie humana.