[04-08-2011] En Ames non hai cabida para o aburrimento. Este xoves, 4 de agosto ás 21:00 horas, no campo de fútbol das Pateiras, en Bertamiráns, podemos asistir ao espectáculo do MotorShow X-Treme. Trátase dunha exhibición automobilística onde se poderá gozar das peripecias e viravoltas dos pilotos de autos de carreiras, camións e motos de cross. Os auténticos monster truck, nome que reciben os camións de grandes rodas e grandes dimensións, farán innumerables filigranas para todas as persoas asistentes que quedarán coa boca aberta ante o free-style dos pilotos especialistas.
Este evento organizado polo empresa Sascha Bossle conta coa participación de especialistas de cine que proveñen da serie televisiva "Alerta Cobra" como Sascha Bossle, director artístico do evento, Saimen Lemoine e Gabi Manolo. Un espectáculo de hora e media de duración, onde o motor, o risco e a velocidade se converten nos grandes protagonistas desta exhibición.
Un espectáculo sorprendente no que os monster truck destrúen vehículos saltando por riba dos autos esnaquizados, realizase unha competición de coches de carreiras e as motos de cross xiran sobre si mesmas. Resulta importante destacar que este show contou co Record Guiness polo xiro máis cerrado nun vehículo de dúas rodas.
As entradas estarán dispoñibles nas instalacións do campo de fútbol das Pateiras, situado en Bertamiráns, a partir das seis da tarde deste xoves 4 de agosto. O custe das entradas oscila entre os 10 e os 15 euros. Os nenos pagarán 10 euros por asistir a esta exhibición de 90 minutos mentres que os maiores deberán pagar un total de 15 euros.
Bill Muller, responsable do espectáculo, espera contar coa máxima participación dos veciños e veciñas amienses e asegura que non se arrepentirán de asistir a un evento de motor onde especialistas de televisión farán ruxir os motores e desenvolverán acrobacias imposibles de imaxinar.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Bertamiráns acollerá a celebración do espectáculo de Motorshow hoxe"