[10-10-2011] A piscina municipal de A Telleira acolle desde hoxe o programa de actividades acuáticas para maiores e persoas con discapacidade. O programa Sanauga preséntase como unha alternativa de deporte saudable destinado a un colectivo que conta cunhas necesidades de coidado e mantemento moi específicas. Un total de 63 persoas repartidas en catro grupos tiveron ocasión de desenvolver as primeiras actividades na auga, co ánimo de favorecer a mobilidade e o benestar físico a un ritmo axeitado. Esta iniciativa ten como obxectivo tratar de mitigar as dores de diversas doenzas musculares e óseas. Á primeira xornada desta actividade tamén asistiu o concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro.
Hoxe pola mañá comezaron de novo as actividades do programa Sanauga posto en marcha pola Concellaría de Deportes ,Tempo Libre e Voluntariado, e xestionado pola Oficina de Voluntariado de Ames (OVA). Este programa ten como obxectivo favorecer a mobilidade e o benestar físico dun colectivo moi determinado mediante diferentes actividades na auga. A de hoxe foi a primeira sesión desta actividade que se levará a cabo na piscina municipal A Telleira ata o mes de xuño.
O programa Sanauga encamíñase sobre todo a atender as necesidades da terceira idade e de xente con algún tipo de discapacidade física, indo máis alá do simple exercicio na auga. Trata de favorecer o benestar físico dos e das participantes, minorando as dores de doenzas nos ósos ou na musculatura por medio de actividades que non requiran un gran esforzo e tendentes á relaxación corporal.
Un total de 63 persoas, repartidas en catro grupos, tres de 15 persoas e un de 18, participan nas actividades do programa de Sanagua. Estas actividades desenvolveranse todos os luns e mércores ata o mes de xuño. A primeira quenda terá lugar ás 9:15 horas, a segunda ás 10:45 h. a terceira ás 11.30 e a última ás 12.15 horas. En cada unha delas participarán quince persoas baixo excepto na segunda quenda que participan 18, todos teñen a supervisión de dous monitores. A segunda quenda está especialmente pensada, pola dispoñibilidade de liñas de transporte público, para as e os participantes que se despracen desde O Milladoiro. A receptividade ante a posta en marcha desta iniciativa foi moi boa, proba diso é que dos 45 inscritos do ano pasado, este ano pasouse a 63.
Sanauga vai máis alá da natación e destina as súas actividades á relaxación e á mellora física das persoas participantes. Tendo en conta o grupo ao que está dirixido, non se trata de realizar actividades que supoñan un grande desgaste físico e un alto rendemento, senón de contribuír ao benestar dos e das asistentes. A maioría dos participantes son xubiladas e persoas que contan con algunha discapacidade ou enfermidade. Os exercicios na auga son fundamentais para minorar a artrose ou outras doenzas de ósos e de musculatura.
Segue aberto o prazo de inscrición durante o mes de outubro
O prazo de inscrición seguirá aberto durante este mes, posto que haberá unha lista de espera para cubrir posibles baixas. Se unha persoa falta máis de dous días seguidos e non xustifica a súa falta ese lugar poderá ser ocupado por outra.