Pestanas principais

A choiva non impediu que máis de 800 persoas participaran na XII Carreira Pedestre Concello de Ames

Domingo, 23 de outubro de 2011

[23-10-2011] Esta mañá celebrouse no paseo fluvial de Bertamiráns a décimo segunda edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames. Trátase dun evento consolidado no termo municipal de Ames que reúne cada ano a moitos atletas de toda a contorna e doutras localidades de Galicia. Este ano os gañadores absolutos da carreira foron, Robertas Geralavicius na categoría masculina e María Carmen Penas Blanco na feminina. Este ano bateuse o récord de inscricións chegando ás 1.200 persoas inscritas, pero finalmente houbo 813 participantes. Á carreira asistiron ademais do alcalde de Ames, Santiago Amor e varios concelleiros/as do grupo de goberno, o Conselleiro de Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández e o Conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez que foi o encargado de dar a saída da carreira dos diferentes grupos de veteranos.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de deportes, Manuel Ferreiro e a concelleira de Atención e Mediación veciñal, Carmen Verde entregáronlle os trofeos aos os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculina e feminina. Ademais dos premios houbo tamén un sorteo de camisetas, gorros e balóns para varios dorsais que se elixían ao azar.

Cada ano que pasa a afluencia de deportistas é maior e nas rúas de Bertamiráns xúntanse un gran número de persoas que gozan practicando este deporte. Este ano a choiva non foi impedimento para que centos de persoas, corredores e acompañantes, se achegasen ata Bertamiráns para participar nesta cita deportiva. Ademais ao organizarse unha semana antes que a Carreira pedestre popular de Santiago de Compostela, esta proba conta cunha gran participación de atletas que veñen a Ames co fin de preparar a proba santiaguesa. Os primeiros corredores tomaron a saída ás 11:00 horas da mañá dende o paseo fluvial de Bertamiráns.


O percorrido e a distancia da carreira foron distintos segundo a categoría e a idade dos participantes. A traxectoria máis longa foi de 7.500 metros e foi a que seguiron os corredores das categorías xuvenil-júnior, promesa-sénior e dos diferentes grupos de veteranos. Os participantes das categorías infantil e cadete correron nun circuíto de 2.500 metros, os alevíns de 1.500 metros, os benxamíns e prebenxamíns seguiron unha ruta de 500 metros.

O control da carreira estivo a cargo do comité de xuíces e cronometradores da Federación Galega de Atletismo na Delegación de Santiago de Compostela. A proba foi de carácter estritamente deportivo e popular e nela imperou o espírito e o comportamento deportivo por parte dos participantes. Picando no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar as diferentes clasificacións da XII Carreira Pedestre Concello de Ames.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Tres conselleiros a la carrera"
El Correo Gallego: "Máis de 800 persoas participaron na XII Carreira Pedestre Concello de Ames"
La Voz de Galicia: "La carrera pedestre de Ames logró reunir a 800 personas"