[21-05-2012] Dende a concellaría de Cultura teñen preparada unha programación repleta de teatro para a vindeira fin de semana. O venres 25 de maio, ás 21:00, na Casa da Cultura de Bertamiráns representarase a obra Oeste solitario a cargo da compañía Produccións Teatrais Excéntricas. O sábado 26 de maio, as 21:00 horas, será a quenda para o Grupo Municipal de Teatro de Ames que estrea na Casa da Cultura do Milladoiro a súa última produción O médico a paus. A programación teatral da fin de semana remata o domingo 27 de maio, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro coa representación de Fíos de prata a cargo do alumnado do IES de Ames. Xa se poden reservar entradas para a obra de teatro Oeste Solitario a través do teléfono 981 535 940 ou do enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. As outras dúas representacións son de balde.
Esta fin de semana volve o teatro a Ames con tres representacións a cargo da compañía Produccións Teatrais Excéntricas, o Grupo Municipal de Teatro de Ames e o alumnado do IES de Ames. A programación teatral comeza o venres, ás 21:00 horas, coa representación da obra Oeste Solitario a cargo da compañía Produccións Teatrais Excéntricas.
Os amigos escóllense, os irmáns tócanche. Esta frase resume en parte o argumento da última produción de Excéntricas: Oeste solitario. Da man dos protagonistas Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, que representan aos irmáns Valene e Coleman, e coa colaboración de María Lado e Marcos Correa, o director Quico Cadaval achéganos esta historia orixinal de Martin McDonagh.
A sinopse fala dunha casa afastada nas terras esquecidas do oeste de Irlanda. Ao pé da casa, unha lagoa de augas escuras. Aló abaixo, a aldea, a carón da ría de Lennane. Nesa casa viven os protagonistas do Oeste Solitario; os irmáns Connor: Valene e Coleman. Despois de enterrar o pai, volven ao tobo onde fermenta lentamente o rancor, a intolerancia e o odio.
A historia semella que só pode acabar de dúas maneiras: cun coitelo entre os omóplatos ou cun cranio rebentado polo tiro dun cartucho do 12. Tamén hai unha parella romántica: Girleen, a rapariga da aldea que lles vende a augardente ilegal, e o padre Welsh, un patético párroco fracasado. Esta parella intervén na historia e provoca, sen sabelo, un xiro inesperado.
As entradas para asistir a esta función teñen un prezo de 5 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas pódense reservar ata o venres 25 de maio, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 535 940 ou no enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que recollerse o día da función entre as 20:00 h e as 20:30 horas. Os billetes que non se recollan nese horario venderanse a partir das 20:30 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.
Grupo Municipal de Teatro de Ames
O sábado 26 de maio será a quenda do Grupo municipal de Teatro de Ames que estreará a súa última produción O Médico a paus. O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle, ás 21:00 h, a última montaxe do grupo municipal de teatro de Ames. O Médico a paus é o nome da última peza que preparou este grupo de teatro afeccionado, que naceu hai nove anos en forma dun obradoiro de interpretación.
Despois de representar a obra do italiano Goldoni, indagar no absurdo da man do alemán Karl Valentín, atreverse con Nunca nada de ninguén da autora portuguesa Luísa Costa Gomes, representar a obra O porvir está nos ovos, de Eugéne Ionesco, agora o grupo municipal de teatro representa O médico a paus, de Molière. Nesta comedia, a ollada perspicaz pon o foco na ciencia dos médicos, ao tempo que esboza un retrato das mulleres a cabalo entre a discriminación e maltrato físico, moral e social.
Esta peza teatral está dirixida por Mónica Camaño. O vestiario e a escenografía correu a cargo dos propios actores e o deseño de iluminación ten a firma de Ze Paredes, quen xa preparou as catro últimas montaxes do grupo. O elenco artístico está composto por Manel Pardo, Emilia Mayo, Rosana González, Tati Duro, Pablo de Prado, Paz Romai, Carmela Pardal, Patricia Quintiá e Pilara Gómez.
A programación teatral da fin de semana remata o domingo 27 de maio, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro coa representación de Fíos de prata a cargo do alumnado do IES de Ames. As obras O médico a paus e Fíos de prata están dirixidas a todos os públicos e serán de balde polo que non haberá que sacar entrada. Poderase acceder ao auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro ata completar aforo.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Produccións Teatrais Excéntricas representa Oeste Solitario"