Pestanas principais

Comeza a novena edición da Feira do Comercio Val da Maía

Venres, 15 de marzo de 2013

[15-03-2013] A Feira do Comercio Val da Maía con maior número de empresas participantes e na que colaboran por primeira vez as catro asociacións de comerciantes de Ames vén de poñerse en marcha esta tarde. Ata o domingo, o pavillón do Milladoiro converterase no gran centro de compras de todo o concello de Ames e dos municipios limítrofes. Serán tres días nos que un total de 44 establecementos porán á venda os seus produtos con grandes descontos. O acto de inauguración, celebrado ás 16:30 horas e ao que asistiron varios membros da Corporación, contou coa participación do alcalde de Ames, Santiago Amor; o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar; a presidenta de AEMI, Dolores Mella, e os presidentes das outras tres asociacións de comerciantes de Ames. Nos seus discursos, rexedor, concelleiro e presidenta da AEMI amosaronse convencidos do éxito da feira e da importancia conxunta do traballo das asociacións.

Por primeira vez, a Feira do Comercio Val da Maía, que cumpre a súa novena edición, celebrarase no Milladoiro. A feira conta con máis de 1.000 metros cadrados de stands comerciais e outros expositores. No evento haberá servizo de gardaría, unha carpa polbaría para comer e outra con inchables, así como varios postos de churros, rosquillas, xeados, etc. Ademais, haberá zonas de aparcamento gratuíto nos arredores do pavillón. A entrada, como en anos anteriores, será de balde. Na xornada de hoxe, a feira permanecerá aberta ata as 21:00 horas. O sábado e o domingo o horario de apertura será de 10:00 h a 21:00 horas.

A realización deste evento corre a cargo da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro e, por primeira vez, conta coa colaboración das outras tres asociacións de profesionais e comerciantes de Ames (Asociación de Comerciantes de Bertamiráns; Asociación de Empresarios Novo Milladoiro; e Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar). O Concello de Ames patrocina con 10.000 euros este evento e colabora na organización da Feira do Comercio prestando apoio, loxístico, técnico e de persoal.

Este mesmo fin de semana, máis concretamente o sábado ás 12:00 horas, terá lugar no centro comercial NovoMilladoiro, situado nas inmediacións do Pavillón do Milladoiro, o sorteo da campaña de fomento do comercio, 'Merca en Ames, sairás gañando', posta en marcha polas catro asociacións de comerciantes. Esta campaña inclúe o sorteo dun coche eléctrico e de nove electrodomésticos (entre os que se atopan unha pantalla de plasma, un aspirador ou un microondas) a través dos boletos de participación que se puideron conseguir ao realizar calquera compra nos establecementos asociados.

Empresas participantes na Feira
As empresas que van achegar os produtos a prezos rebaixados serán Angueira TIEN 21, Mayzu Hogar, Careva, Macía Clínica Dental, Óptica Farmavision, Landra, Manos Artesanas, Sport Planet, Zapatería Ana, Stampa regalos, Morand Moda Hombre, Alas de Ángel, Clinica Implanteoral Milla, Ames Sat, La Gloria Bendita, Cousalinda, Atempo Alfonso Joyeros, Fiochetto, Ainos, TNT Tattoo, Óptica Vinte, Patagonia, Polopitas, Fruti Free, Tris Tras, A Tenda de Fraber, Haldeta Moda, Duende Azul, Lolita Moda, Promociones Sant Yago, Queens Moda, Sette Camicie, Sprint 012, Carmela Rendo, Patucos, Avon, Pipiolos, Cloudette, Calza2, Mestura, Mandarina, Decoraciones Gladys, Rainbow e New Shoes.

Ofértase unha ampla variedade de produtos
Estes comercios ofrecerán unha amplía variedade de produtos como roupa e calzado (infantil, muller e home), cosmética, lencería, artigos deportivos, pastelería artesanal, xoiería, electrónica, electrodomésticos, tatuaxes, gafas, enxoval do fogar, complementos, agasallos, etc. As instalacións disporán dunha gran amplitude e comodidade xa que serán 500 metros cadrados dedicados á colocación das casas de comercio.  

Oferta lúdica e gastronómica  
Ademais de poder comprar diversos produtos aos mellores prezos, as persoas que asistan á IX Feira do Comercio Val da Maía poderán gozar dunha ampla oferta lúdica e gastronómica. Deste xeito, instalarase no recinto un servizo de gardería, atendido por persoal cualificado, e no exterior instalarase unha carpa con inchables como atracción lúdica para os máis pequenos baixo a supervisión de monitores. No eido gastronómico, incluiranse varios postos de churros, rosquillas, xeados e haberá tamén un posto de venda de polbo. Tamén haberá zonas de aparcamento gratuíto nos arredores do pavillón.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "El comercio de Ames tira los precios"
La Voz de Galicia: "La feria comercial de Ames abre con rebajas del 50 %"