[27-06-2013] O Pazo da Peregrina acolleu este xoves pola mañá a presentación da II Ames Cup Verán. Este evento deportivo está organizado polo Bertamiráns FC e o Milladoiro SD, en colaboración co Concello de Ames. A competición desenvolverase durante a última fin de semana do mes de xuño e o primeira fin de semana de xullo. Os días 29 e 30 de xuño disputarse a Ames Cup Verán na modalidade de fútbol 11, mentres que durante os días 5, 6 e 7 de xullo xogarase a competición de fútbol 8. Ambos os dous torneos realizaranse nos campos municipal de Bertamiráns e do Milladoiro. A esta presentación asistiron o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño e o presidente do Milladoiro SD, Vicente González.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, comezou felicitando aos dous clubs polos recentes ascensos á Liga Galega na categoría infantil, fito histórico tanto para o Bertamiráns FC coma para o Milladoiro SD. O rexedor municipal continuou dicindo “agardemos que esta fin de semana poidamos gozar doutro ascenso, neste caso, á terceira división do Bertamiráns FC. En canto ao evento deportivo quero desexar o mellor para o mesmo, así como pedirlle aos clubs que sigan traballando igual de ben que ata a data”.
Despois a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, tomou a palabra para “felicitar ao Bertamiráns FC e ao Milladoiro SD por continuar con esta iniciativa posta en marcha na tempada anterior, así como manter o entendemento dos dous clubs máis representativos a nivel base do Concello. Isto pode ser a primeira pedra para un futuro irmanamento destes dous clubs, o cal sería histórico a nivel municipal”.
Rafael Budiño, presidente do Bertamiráns FC, agradeceulle ao Concello de Ames que poidan continuar organizando esta actividade nas instalacións municipais, e en especial á concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, “por todas as facilidades que nos prestou o concello”. Budiño tamén agradeceu “o esforzo dos patrocinadores do torneo: Beirasar, Espina & Delfín, Tropic, Irmáns Mallón e La Caixa”.
Por outra banda, Vicente González, presidente do Milladoiro SD, destacou “a importancia de manter a colaboración no plano deportivo e organizativo así como o traballo en conxunto dos dous clubs amienses, que nun futuro podería aventurar unha selección de Ames para disputar distintos torneos, ou inclusive para xogar en competición oficial”.
Características do torneo
Nesta edición increméntase a oferta da Ames Cup Verán. Este ano tamén haberá competición de fútbol 11, que ten un formato idéntico a de fútbol 8, pero disporá de 16 equipos. Esta competición disputarase os días 29 e 30 de xuño. Neste torneo está confirmada a presenza do Ribadeo SD, Once Cabaleiros CF, Unión Sportiva de Coruña, CD Conxo e os dous flamantes novos equipos de Liga Galega, Milladoiro SD e Bertamiráns FC.
Ademais, ao igual que na edición anterior, este torneo dispútase na modalidade de fútbol 8 para as categorías pre-benxamín de primeiro ano (PB1), pre-benxamín de segundo ano (PB2), benxamín de primeiro ano (BX1), benxamín de segundo ano (BX2), alevín de primeiro ano (AL1) e alevín de segundo ano (AL2). Cada categoría contará con 8 equipos, encadrados en 2 grupos de 4 equipos cada un.
A competición consta de dúas partes, a primeira de Liga a unha volta, que comezará o día 5 de xullo e rematará o 7 de xullo ao mediodía. A parte final da actividade será a de Copa, onde os 1º e 2º de cada grupo disputarán o campionato da Ames Cup, mentres que os 3º e 4º xogarán a fase de consolación do torneo. Esta parte do torneo disputarase o día 5 de xullo pola tarde e o día 7 de xullo.
Nesta edición haberá representación internacional que corre a cargo da Escola do Sporting de Lisboa de Alta Lisboa, da Escola de Leao Altivo, ambas da cidade de Lisboa, e a EF Hernani Gonçalves do Porto.