Pestanas principais

Un total de 54 mozos e mozas participaron no Surf Camp Caldebarcos

Martes, 16 de xullo de 2013

[16-07-2013] O Concello de Ames, a través da concellaría de Xuventude, fai balance dun dos campamentos de verán que se desenvolveron durante este mes de xullo. Un total de 54 mozos e mozas de entre 1º e 4º de Educación secundaria participaron no Surf Camp Caldebarcos, situado en Carnota. Os rapaces e rapazas acudiron a este campamento divididos en dous grupos: un composto por 28 mozos/as e outro formado por 26 rapaces e rapazas. Esta actividade tivo unha gran demanda entre a mocidade amiense. En principio, ofertáronse un total de 50 prazas (25 por quenda). Finalmente, acordouse o incremento de prazas para evitar que 4 rapaces quedasen sen esta actividade.

Actividades temáticas
Por outra banda, baseándose na temática principal do campamento, o mar, realizáronse unha morea de actividades e obradoiros relacionados co medio ambiente e a natureza. Algunha destas actividades foron: “Natura-Carnota”, “Intermareal”, “Laboratorio da Auga”, “Mares de Lira” e “Caderno de Bitácora”. Estas actividades estiveron relacionadas co recoñecemento medio ambiental da flora e a fauna da costa a través dunha xincana fotográfica, traballos coa auga a través de circuítos e mecanos, actividades interxeracionais a través dos usos e costumes das xentes da zona, creación de maquetas de barro e cadernos reciclados, etc.

Tamén participaron en veladas nocturnas: “O tesouro irmandiño”, “Foliada”, “A pantasma das Furnas” e moitas dramatizacións cheas de sorpresas. Por último, realizáronse outro tipo de actividades como os obradoiros de graffite, Corpóreo, Exprésate, Videoforum, DJ, Break Dance, etc.

Ademais, os rapaces e rapazas practicaron “esnorquel”, que é unha disciplina de buceo de superficie no que se utilizan unhas gafas cun tubo e aletas xunto cun motor (scooter) manual que fan desta actividade toda unha aventura, e o “bodyboard” que é unha actividade moi similar ao surf na que se utiliza unha táboa máis pequena e en lugar de deslizarse estando de pé, faise deitado/a.

Tamén se realizaron actividades de “xeocaching” (onde os mozos/as aprenderon a usar o compás e o GPS deportivo a través das nocións que se lles amosan de cartografía e planimetría) e practicáronse deportes alternativos como o “ultimate” (xógase cun disco voador onde se marcan puntos pasándoo entre xogadores/as para alcanzar a zona final do outro equipo) e o “kin-ball” (é un deporte de balón de orixe canadense moi curioso, que fomenta a coeducación entre os participantes). Por último, fíxose unha saída a Baroña onde se practicou a escalada e visitouse o Castro, interpretando o entorno histórico e natural que o rodea.

Durante a primeira quincena do mes de xullo a mocidade amiense puido gozar do campamento municipal que se desenvolveu en Caldebarcos, situado en Carnota. Esta actividade estivo dividida en dúas quendas. A primeira desenvolveuse entre o 30 de xuño e o 7 de xullo, mentres que a segunda realizouse do 7 ao 14 de xullo. Os rapaces e rapazas acudiron a este campamento divididos en dous grupos: un composto por 28 mozos/as e outro formado por 26 rapaces e rapazas. En total, 54 mozos e mozas participaron neste actividade municipal.

Os rapaces e rapazas puideron participar nunha serie de actividades que tiveron como elemento primordial o mar. Algunhas destas actividades foron o surf e kaiak surf que consistiu en utilizar a forza propulsora das olas do mar para deslizarse sobre as propias olas enriba dunha táboa (en kaiak surf, fíxose coa axuda dun kaiak e unha pala). Outra das actividades na que participaron foi o “paddelboard”. Trátase dunha antiga forma de deslizamento na que o/a navegante utiliza un remo para desprazarse pola auga mentres permanece de pé nunha táboa de surf.