Pestanas principais

O Concello de Ames aproba a convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado de 2º ciclo de educación infantil

Xoves, 18 de xullo de 2013

[18-07-2013] A Xunta de Goberno local de Ames acaba de aprobar a convocatoria de axudas para adquisición de libros de texto e material escolar destinadas a alumnos de segundo ciclo de educación infantil para o curso 2013-2014. A contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 18.500 euros. As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral do Concello entre o 15 de setembro e o 15 de outubro de 2013.

As axudas están destinadas a financiar os gastos efectuados desde o 1 de xullo ao 31 de decembro de 2013 en libros de texto e material escolar polo alumnado integrado en unidades familiares empadroadas no Concello de Ames, sempre que os alumnos/as estean matriculados durante o curso 2013-2014 nalgún curso de educación infantil (2º ciclo), nun centro sostido con fondos públicos. O obxectivo é intentar sufragar parte do gasto que cada ano teñen que realizar todos os pais e nais de Ames para comprar material escolar para os seus fillos/as.

As axudas teñen uns límites económicos por alumno que se establecen nas bases da convocatoria. Deste xeito, as unidades familiares cunha renda per cápita de menos do 50% do IPREM recibirán un importe máximo de axuda de 120 euros; as que conten cunha renda per cápita do 50% ata o 75% do IPREM, recibirán 100 euros, e para as unidades familiares con renda per cápita do 75% ao 100% do IPREM a axuda será de 80 euros.

Esta convocatoria está dirixida ás familias empadroadas no Concello de Ames, que teñan menores ao seu cargo e que estean matriculados para o curso escolar 2013-2014 nos centros de ensino público no nivel de educación infantil (2ª etapa, de 3 a 5 anos). Seguindo a liña xa iniciada na anterior edición, a convocatoria volve ter como destinatarios aos alumnos e alumnas de educación infantil (2º ciclo), por ser este colectivo o único non incluído na orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Como unha das principais novidades, amplíase o período subvencionable, que comeza o 1 de xullo e remata o 31 de decembro.

As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral do Concello entre o 15 de setembro ao 15 de outubro de 2013. O prazo de xustificación da subvención finalizará o 31 de decembro de 2013.