[12-11-2013] A Escola infantil municipal O Bosque está celebrando durante o mes de novembro a chegada do Outono. Unha das actividades que se enmarca nesta celebración e a festa do Magosto. A castaña foi a auténtica protagonista desta festividade. Os nenos e nenas desta escola participaron nunha excursión ao Pazo da Peregrina, para ver que cambios que se producen na natureza durante esta estación. Nesta celebración tamén participaron os pais e nais dos alumnos/as. Deste xeito, levaron para a escola distintos produtos de outono para que os nenos puidesen velos, ulilos, manipulalos e probalos. Tamén levaron varias receitas coas que fixeron o Receitario de Outono de 2013. Por último, organizaron a festa do Magosto onde comeron castañas asadas e os diversos produtos que elaboraron seguindo as receitas que trouxeron das súas casas.
Durante as últimas semanas os nenos e nenas da Escola infantil municipal O Bosque de Bertamiráns estiveron traballando e realizando diferentes actividades relacionadas coa chegada do Outono, tal e como se recolle na programación anual e trimestral desta escola. As mestras e educadoras explicáronlle aos rapaces e rapazas os cambios que se producen na paisaxe durante esta estación. O obxectivo destas actividades é que os nenos e nenas se decaten de que xa pasou o verán e estamos na estación do Outono.
Para estar en contacto coa natureza os nenos e nenas desta escola visitaron o Pazo da Peregrina. Alí viron de primeira man os cambios que se producen na natureza durante esta estación. Ademais, os rapaces e rapazas aproveitaron esta saída para recoller follas e levalas para a escola. As follas que recolleron empregáronas para elaborar unha piñata que romperon na festa do Magosto. Nesta celebración tamén participaron os pais e nais do alumnado. Deste xeito, dende a escola pedíuselle que levarán da casa distintos produtos de Outono para que os nenos puidesen velos, ulilos, manipulalos e probalos.
Receitario de Outono
Por outra banda, os nenos e nenas elaboraron un receitario de Outono. Os pais e nais levaron varias receitas de cociña para que os rapaces e rapazas puideran cociñar diferentes produtos. Cada clase fixo unha lambonada seguindo as pautas das receitas máis sinxelas que anteriormente escolleron. Deste xeito, o grupo de 0 a 1 anos realizaron un batido de froita; os nenos e nenas de 1 a 2 anos fixeron unhas brochetas de froita fresca con queixo; e os rapaces e rapazas de 2 a 3 anos elaboraron varios biscoitos. Todas estes produtos coméronos na festa do Magosto. Pero ademais destas lambonadas os nenos e nenas puideron gozar do produto estrela do outono: a castaña. Nesta festa tamén houbo piñatas cheas de follas secas e música para bailar.
Estas actividades forman parte do extenso programa formativo e de actividades para a infancia que desenvolve a Escola infantil municipal O Bosque. Os pais e nais poderán ver unha reportaxe fotográfica de todas estas actividades na porta de entrada á escola e os que queiran poderán facer copias das fotos que máis lles gusten. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás descargar o Receitario de Outono do curso 2013-2014.