[17-11-2014] A festa por excelencia do Outono, o Magosto, celebrouse este sábado 15 de novembro en Ames. A praza de Chavián, situada en Bertamiráns, acolleu esta celebración na que a veciñanza puido vivir unha tarde chea de música tradicional, obradoiros infantís, exposición de cogomelos e castañas asadas. Nesta festa tamén participaron o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín.
Ademais, impartíronse dous obradoiros que estiveron dirixidos aos nenos e nenas. Deste xeito, houbo un obradoiro de construción de xoguetes sonoros e instrumentos denominado Xoguetes vellos... para tempos novos, no que participaron uns 25 nenos e nenas. Esta actividade impartiuse en dúas quendas na Casa da Cultura de Bertamiráns: pola mañá, dende as 11:00 ata as 13:00 horas para nenos/as de 5 a 8 anos, e pola tarde, de 17:30 a 19:30 horas para rapaces e rapazas de 9 a 12 anos. Os rapaces e rapazas tamén participaron nun obradoiro de maquillaxe e globoflexia. Este obradoiro espertou unha gran expectación entre a rapazada amiense.
Esta festa estivo organizada polo Concello de Ames e colaboraron varias asociacións municipais como son o club de atletismo MillaRaio, a asociación do produto caseiro Lentura, asociación cultural Follas Novas, a asociación de festas do Milladoiro, a comisión de festas Virxe da Peregrina, o club de patinaxe Sarela, a asociación de comerciantes de Bertamiráns e a asociación educativa e cultural Musicrearte.
O magosto comezou ás 17:00 horas e desenvolveuse ao longo de toda a tarde. Ademais, organizáronse varias actividades que xiraron arredor da micoloxía. Durante a mañá deste sábado realizouse unha saída micolóxica para recoller cogomelos, na que a pesar da choiva, participaron arredor de 20 persoas. Xa pola tarde, durante a festa do Magosto, fíxose a identificación e exposición dos cogomelos recollidos.
A música correu a cargo dos grupos a Requinta da Maía, pertencente á asociación Follas Novas, e a Requinta da Laxeira de Vedra. Arredor das 17:30 horas comezou a degustación gastronómica. Os veciños e veciñas de Ames puideron adquirir polo módico prezo de 2 euros un lote con castañas asadas, pan con chourizo e unha bebida.