[16-05-2015] A igrexa parroquial de Santo Tomé de Ames e a capela veciña de Barouta serán obxecto de obras de mantemento grazas a unha subvención de 11.200 euros da Deputación da Coruña, para mellora do patrimonio, logo da xuntanza que mantiveron no ente provincial o alcalde de Ames, Santiago Amor, o párroco, Manuel Blanco, e o presidente da Asociación de Veciños para o Cemiterio, José Berdullas, co seu presidente, Diego Calvo. Iluminación, corrección de humidades, pintura de interiores e substitución de mobiliario son algunhas das intervencións previstas en senllas igrexas.
Manuel Blanco indica que son case dous mil veciños os que abrangue a parroquia, pero tamén alude ao Camiño de Fisterra, como paso de peregrinos pola zona. “Unha vez arranxada a igrexa, poderemos explicar un pouco o valor desta igrexa do s. XVIII que dá nome o concello, que ademais ten un entorno moi bonito, cun cemiterio nunha disposición visual sorprendente”, segundo explica o crego.
Hai uns meses, ademais, un raio causara desperfectos no tellado e instalación eléctrica da igrexa parroquial.