[27-05-2015] A Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) está celebrando o seu décimo aniversario cun completo programa de actividades para o alumnado. Durante o pasado mes de abril desenvolvéronse dúas charlas que estiveron dirixidas ao alumnado e este venres os rapaces ofrecerán un concerto na residencia da terceira idade O Castro, de Teo. A finalidade desta actuación é achegarlle a música ás persoas maiores compartindo con elas un tempo agradable.
Esta actuación comezará arredor das 17:30 horas e está previsto que participen arredor de 50 músicos que forman parte do coro, da agrupación de violíns e do grupo de frautas. Os alumnos do coro cantarán dende pezas populares galegas ata bandas sonoras, pasando por cancións do grupo El Canto del Loco. A orquestra de violíns interpretará o tema A Scottish air, mentres que o grupo de frautas tocará Colonel Bogey.
O alcalde en funcións, Santiago Amor, destaca que a Escola Municipal de Música é un referente na comarca, integrando máis alumnos cada curso na súa variada oferta de instrumentos e linguaxe musical. “É unha actividade –sostén Amor– que debemos seguir mimando desde o Concello como parte esencial da formación dos nosos escolares e xoves”.
Máis de 200 alumnos
As matrículas da Escola Municipal de Música de Ames increméntanse cada ano e na actualidade conta cuns 210 alumnos. “Ao longo destes dez anos –apuntan dende a escola– o número de alumnos aumentou e fóronse creando numerosas agrupacións de músicos. O traballo e o seu bo facer reflíctese anualmente nos concertos de fin de curso”.
A EMMA está situada no Centro Multiusos de Aldea Nova e diariamente ofrece clases de piano, violín, saxofón, percusión, frauta e guitarra. Tamén se imparten ensinanzas de linguaxe musical e para os pequenos de entre 4 e 6 anos danse clases de música e movemento.