[28-08-2015] A orquestra O Combo Dominicano actuará o venres 28 de agosto na verbena das Festas que a parroquia da Ameixenda organiza na honra da Virxe das Dores, Santa Mariña e o Santísimo Sacramento. As Festas comezan hoxe e se prolongarán ata o domingo. Haberá Misa Solemne todos os días á unha, procesión, sesión vermú e inchables para os nenos/as, que serán gratuítos o domingo. As orquestras Miramar e Fania Blanco Show, o grupo Óbice, os Castros e a Requinta da Maia completan o cartel das festas. Estes dous últimos grupos están patrocinados polo Concello de Ames que tamén se encargou da limpeza e acondicionamento do campo da festa.
O venres, 28 de agosto, comezará a festa na honra da Virxe das Dores e de santa Mariña, patroa da parroquia amesán da Ameixenda. Os actos relixiosos comezarán ás 10:00 horas coa misa rezada e posteriormente ás 13:00 h realizarase a misa solemne na honra de Santa Mariña e da virxe das Dores. Tralos actos relixiosos amenizará a sesión vermú a orquestra Miramar que volverá a actuar na verbena da noite. O Combo Dominicano será a estrela da verbena.
O sábado 29 os actos relixiosos celebraranse á mesma hora, pero esta vez estarán adicados ao Santísimo Sacramento. A misa solemne celebrarase ás 13:00 horas e será cantada pola Coral “Amigos de Javier Otero”. A sesión vermú estará amenizada pola orquestra orquestra Fania Blanco Show e polo grupo Os Castros. A verbena da noite correrá a cargo da mesma orquestra e do grupo Óbice.
O último día das festas, o domingo 30 de agosto, as celebracións relixiosas estarán dirixidas a honrar a Virxe do Rosario cunha misa rezada ás 10:00 horas e outra misa solemne ás 13:00 horas. A sesión vermú estará amenizada pola Requinta da Maia e a orquestra Channel que tamén actuará na verbena da noite. Ademais, o domingo pola tarde, á partir das 17:00 horas, os nenos/as poderán xogar nos inchables que serán gratis.