Pestanas principais

O Concello de Ames recibirá preto de 1.200.000 euros a través do Plan de obras e servizos (POS) e do Plan de acción social (PAS)

Sábado, 12 de decembro de 2015

[12-12-2015] Este luns, 14 de decembro, celebrarase unha comisión informativa previa ao pleno extraordinario que se realizará para abordar a aprobación das obras e proxectos incluídos no novo Plan de acción social (PAS) 2015 e do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) 2016, que convocou a Deputación Da Coruña. Ao Concello de Ames correspóndenlle un total de 1.162.011 euros (503.879 euros do Plan de obras e servizos e 658.132 euros do Plan de acción social).

A próxima semana convocarase un pleno extraordinario para abordar a aprobación dos proxectos que se pretenden sufragar a través do Plan de obras e servizos e do Plan de acción social que convocou a Deputación da Coruña. Previamente a ese pleno, o vindeiro luns, 14 de decembro, vaise a celebrar a comisión informativa correspondente para tratar a inclusión dos proxectos que se van a sufragar con cada un destes dous plans provinciais.

O alcalde de Ames, José Miñones explica que “a contía de 503.879 euros do Plan de obras e servizos vaise a investir, na súa meirande parte, a obras de saneamento polo termo municipal, xa que levamos catro anos sen investir practicamente nada neste eido, mentres que os 658.132 euros do Plan de acción social vanse investir en proxectos de mellora de acción social”.

A través do novo Plan de acción social (PAS) preténdese dedicar 455.651 euros para investimentos de carácter social como son a primeira fase das obras de mellora da accesibilidade universal en edificios públicos (Casa do Concello, Biblioteca municipal do Milladoiro e acceso das Oficinas Municipais do Milladoiro), que conta cun presuposto de 150.000 euros; a execución de parques biosaudables en Bertamiráns e no Milladoiro que teñen un custo de 30.475 euros; a reparación e mellora da Casa da Cultura de Bertamiráns, que dispón dun orzamento de 99.446 euros; e a reparación de solados, accesibilidade e peches do complexo de piscinas públicas municipais no Milladoiro e outras, que ten un custo de 175.730 euros.

Ademais, a través do PAS vanse a sufragar investimentos financeiros sostibles por valor de 202.481 euros, como son as obras de saneamento no núcleo de Portanxil, que teñen un custo de 139.931 euros, e os traballos para dotar de saneamento ao lugar de Ventosa, que conta cun presuposto de 62.549 euros.

Por outra banda, o PAS complementario, no que se inclúen obras de carácter social, está dotado con 209.831 euros, para executar a segunda fase das obras de mellora da accesibilidade universal en edificios públicos na que se pretende mellorar o edificio do Pazo da Peregrina e os que están ao seu arredor (a Casa da Froita, a Casa dos Caseiros e a Capela), así como o interior das Oficinas Municipais do Milladoiro. Estas obras están dotadas dun presuposto de 128.000 euros. Outros dos proxectos incluídos no PAS complementario é a instalación dun novo pavimento deportivo no pavillón polideportivo de Bertamiráns.

O concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Blas García, indica que “o goberno municipal vai a investir os fondos do PAS e do POS da Deputación da Coruña pensando nas persoas, por iso se inviste en obras para dotar de saneamento ás aldeas que non o teñen, e se inviste en mellorar a accesibilidade dos edificios públicos municipais, así como na mellora dos campos de fútbol e pavillóns polideportivos do concello. Trátase de obras moi necesarias e que repercutirán no beneficio dos amesáns e amesás”.

Primeiro parque infantil accesible
A estas actuacións, que se abordarán con fondos do Plan de acción social da Deputación da Coruña, hai que engadir o proxecto de construción do primeiro parque infantil accesible do concello de Ames. Este proxecto, que será financiado integramente a través dun convenio subscrito coa Deputación da Coruña, terá un custo de 68.000 euros.

Este espazo de xogo estará situado na área deportiva do Milladoiro, que se atopa ao carón da Casa da Cultura, das pistas polideportivas e da piscina municipal desta localidade. Executarase no lugar da actual pista de skate, que se trasladará á urbanización de Aldea Nova. A previsión é que este parque poida estar rematado para poder ser usado de cara ao verán de 2016.

Proxectos sufragados a través do POS
Por outra banda, a Deputación aprobou o POS 2016, que este ano incorpora como novidade a posibilidade de que cada concello destine ata o 50% do importe asignado a gasto corrente, en lugar do 40% que se reservaba en anos anteriores. O outro 50% destinarase obrigatoriamente á realización de obras ou subministracións precisas para a efectiva prestación dos servizos.

A proposta do goberno municipal é que o importe integro do POS, que ascende a 503.879 euros, se dedique a execución de catro obras que serían a construción das gradas cubertas no campo de fútbol do Milladoiro (91.536,56 euros); a dotación de saneamento no lugar de Castrigo, pertencente á parroquia de Ortoño (287.698,90 euros); pavimentación da aldea da Mámoa e interiores, situada na parroquia de Tapia, e Barreiro (59.771,71 euros); e mellora do camiño de Cruxeiras e do entorno da igrexa de Ames e da rúa Lodeiro (64.872,11 euros).

O POS complementario estaría dotado de 271.316, 81 euros para executar os proxectos de mellora do camiño que vai dende Pousada ata a Capela de San Xoanciño e outro (52.061,36 euros); a mellora do camiño que vai de Oca ata A Igrexa (126.365,52 euros); e a dotación de saneamento no núcleo de Susavila de Carballo (92.889,93 euros).

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Ames percibirá cerca de 1,2 millones por los planes de la Diputación"