Pestanas principais

O goberno municipal constitúe o Consello Municipal de Deportes

Sábado, 21 de maio de 2016

[21-05-2016] O goberno municipal vén de constituír o Consello Municipal de Deportes. Na xuntanza de constitución participou o alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, os directores ou profesores de educación física dos centros escolares, representantes de clubs ou entidades deportivas, ANPAS, e membros dos grupos políticos da corporación municipal. Ademais, nesta xuntanza falouse do futuro funcionamento das Escolas deportivas municipais de cara ao curso 2016-2017 e de establecer uns criterios novos de valoración para a convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo no exercicio 2016 por clubs e asociacións deportivas.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu recentemente a reunión constitutiva do Consello Municipal Deportivo. A esta xuntanza acudiron representantes das asociacións deportivas e clubs, das ANPAS, dos centros escolares, do grupo municipal de goberno e dos grupos políticos con representación na corporación municipal. Tras designar aos compoñentes que formarán parte de dito Consello (alcalde, animador deportivo, representantes de centros educativos e ANPAS, representantes dos clubs deportivos, mellor deportista masculino e feminino e representantes dos partidos políticos) debateuse na reunión o futuro funcionamento das Escolas deportivas, así como os criterios de valoración de solicitudes para a convocatoria de axudas deportivas do 2016.

O rexedor municipal apuntou que “coa constitución deste consello consultivo de deportes damos cumprimento a un dos puntos recollido no acordo de investidura. Trátase dun órgano de asesoramento e que o goberno quere que serva de instrumento de participación e diálogo en materia de programación deportiva municipal”.

O punto da reunión sobre o que máis se debateu foi o da xestión das Escolas deportivas municipais, xa que no mes de setembro deste ano remata o contrato coa actual empresa concesionaria deste servizo. O tema xa fora tratado con varios clubs e entidades deportivas, xa que algúns deles son os encargados de impartir actividades en varias destas Escolas deportivas.

En ditas reunións a maioría dos clubs plantexaron que as Escolas deportivas municipais dos deportes onde houbera un club municipal fosen xestionadas por ditos clubs desde a idade de iniciación, argumentando que con este sistema melloraríase na metodoloxía de adestramento e na motivación cara a práctica deportiva dos usuarios/as. Na reunión inicial das ANPAS e representantes dos centros escolares no se puxeron trabas a este proposta, matizando, iso si, a necesidade de establecer previamente uns criterios de xestión.

Nesta reunión propúxose, por parte do Concello, establecer uns criterios comúns e permitirlle aos clubs optar a xestión destas escolas. O prezo de matrícula quedaría fixado en torno aos 20 euros por trimestre, con excepcións para casos excepcionais previo informe dos Servizos Sociais. Como contraprestación á xestión das Escolas deportivas por parte dos clubs, o Concello cederíalle as instalacións municipais e realizaría as xestións necesarias para conseguir as instalacións dos centros educativos e doutros concellos limítrofes, o equipamento necesario das instalacións se fose o caso, sen pagar nada pola súa utilización. A parte disto, os clubs cobraríanlle o prezo da actividade directamente aos usuarios/as, aínda que sería o Concello o que se faría cargo destes importes.

O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, manifestou que “o obxectivo do goberno municipal é que nun prazo de tres anos o Concello poida contar cun maior número de instalacións deportivas”. Ademais, informouse sobre o proxecto de ampliación do pavillón polideportivo de Bertamiráns que ten un custo de 500.000 euros. Tamén informou que á hora do reparto no horario de instalacións deportivas, na actualidade, non se lle está dando prioridade ás Escolas deportivas, aspecto que se vai cambiar a partir do vindeiro curso.

En caso de realizarse o cambio de xestión o Concello non cobraría polo emprego das instalacións deportivas municipais aos clubs. O alcalde finalizou este debate dicindo que se deben establecer uns criterios de prezos, horarios, reparto de instalacións e nunha próxima xuntanza ir tomando decisións.

Novos criterios para as axudas deportivas
Por outra banda, tratouse a nova proposta de criterios de valoración de solicitudes da convocatoria de axudas para a promoción de actividade levadas a cabo no 2016 por clubs e asociacións deportivas Expuxéronse cales podían ser estes criterios e déuselle copia dun borrador dos mesmos a todos os asistentes. Varios clubs manifestaron que vían inxusto que se tivera que xustificar todo o orzamento para poder percibir a totalidade da subvención. Ademais, o rexedor municipal destacou que para o mantemento de instalacións por parte de clubs deportivos se vai a formalizar un contrato cos clubs implicados.

Por último, hai que salientar que nesta convocatoria de axudas tamén se incentivará as actividades levadas a cabo por clubs e asociacións deportivas na xestión das escolas deportivas municipais.

Miñones finalizou dicindo que “os acordos desta primeira xuntanza do Consello Municipal de Deportes considerámolas moi importantes xa que implican un novo formato e deseño das escolas deportivas municipais, nas que o goberno delegará nos clubs e asociacións deportivas de Ames parte do fomento do deporte, como axentes partícipes e dinamizadores desta actividade que son”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Consello Municipal de Deportes analizó la gestión de las escuelas"