Pestanas principais

Comezan os traballos en altura na Ponte Vella da Ponte Maceira

Xoves, 14 de xullo de 2016

[14-07-2016] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, achegáronse ata A Ponte Maceira para ver como se están realizando os traballos en altura que está executando a empresa amesán A.J. Abelleira Jardinería para limpar as herbas e maleza que se atopan entre as pedras da Ponte Vella. Para poder realizar estes traballos os operarios teñen que realizar un descolgue vertical por dita ponte. Ademais, durante os últimos dez días estivéronse realizando labores de roza e limpeza nas beiras dó río Tambre ao paso pola Ponte Maceira. Estes traballos enmárcanse dentro das actuacións que están realizando os Concellos de Ames e Negreira para declarar A Ponte Maceira como Ben de Interese Cultural (BIC).

Esta semana comezou a segunda fase dos traballos de acondicionamento que se están realizando na Ponte Maceira. Neste caso, estanse executando labores de limpeza na Ponte Vella. Os Concello de Ames e Negreira contrataron a expresa amesán A.J. Abelleira Jardinería para levar a cabo esta actuación que consiste na limpeza dos laterais da Ponte Vella co obxectivo de retirar todas as herbas e maleza que hai entre as pedras de dita ponte. Principalmente estanse retirando as herbas e hedras que están nos pilares e ao longo de toda a ponte. Esta actuación ten un custo de 5.190 euros.

Os operarios teñen que realizar un descolgue vertical para poder realizar estes traballos con éxito. Para iso, descenden con cordas e teñen montada unha liña de vida que lles aporta un punto de vida. Ademais, teñen montadas unhas estruturas metálicas que lles achega un segundo punto de suxeición. Incluso por se fallaran estes sistemas dispoñen dun terceiro punto de suxeición. Tratase duns traballos moi vistosos e espectaculares, pero para os cales hai que tomar as medidas de seguridade correspondentes.

Previamente, executáronse traballos de limpeza e roza nas beiras do río Tambre ao seu paso pola Ponte Maceira. Estes traballos, realizados polas brigadas municipais de Ames e Negreira, foron coordinados polas concellarías de Obras de ambos concellos. Cada unha das brigadas encargouse de limpar a parte do río correspondente a seu municipio. Todos estes traballos pódense realizar despois de que ambos Concellos conseguiran os correspondentes permisos de Augas de Galicia e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Outra das actuacións que se está levando a cabo esta semana é a colocación dunha varanda e dunha pequena pasarela de madeira que están sendo colocadas pola empresa amesán carpintería O Peto. Estes traballos estanse realizando nun lateral do rio co fin de gañar seguridade cando os veciños e veciñas baixan ás marxes do río. Estas pezas poderanse retirar nos meses de inverno para evitar que sexan estragadas polas subidas do río. Esta actuación ten un custo de 4.119,45 euros.

Outra das actuación que está previsto abordar é a rehabilitación de tres lavadoiros, soterrados por restos e sedimentos do río, que están situados nunha das beiras do río Tambre. Asemade, váiselle solicitar á Deputación da Coruña que execute unha senda peonil entre a Ponte Nova ata a Ponte Maceira. Esta é unha das demandadas da asociación de veciños para gañar en seguridade viaria.

Por último, tal e como xa se adiantou nunha xuntanza mantida por ambos alcaldes coa asociación de veciños da Ponte Maceira, estase estudando impedir o acceso rodado á ponte, xa que por motivos de conservación, dende a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural aconsellaron que se prohibira a circulación de vehículos por este lugar para evitar o deterioro de dita infraestrutura. Ambos gobernos están estudando esta recomendación feita pola Xunta de Galicia.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Maleza contra las cuerdas en Ponte Maceira"
El Correo Gallego: "Arrancan os traballos de limpeza en altura na ponte vella da Ponte Maceira"