Pestanas principais

Abre o prazo para participar na convocatoria de axudas dirixida ás familias numerosas de Ames

Xoves, 20 de outubro de 2016

[20-10-2016] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Servizos Sociais, informa de que este xoves, 20 de outubro, sae publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a convocatoria de axudas destinadas ao apoio económico das familias numerosas do municipio. A contía total destinada a estas axudas é de 120.000 euros e a axuda consistirá no pagamento de 1.200 euros por unidade de convivencia. Con este tipo de iniciativas, o Concello de Ames pretende axudar a aquelas familias que máis dificultades teñen para a crianza dos seus fillos e fillas. Os interesados en acceder a estas axudas poderán presentar as solicitudes no Rexistro Xeral do Concello, no prazo dun mes, dende o día seguinte á publicación desta convocatoria no BOP.

Poderán optar a estas subvencións as unidades de convivencia que teñan fixada a súa residencia habitual no concello de Ames, cun mínimo dun ano de antigüidade ininterrompido á data de formulación da solicitude, entendendo como unidade de convivencia o conxunto de persoas que convivan no mesmo marco físico e se atopen vinculadas co solicitante por matrimonio ou calquera outra forma de relación estable análoga á conxugal, por nacemento adopción ou acollemento.

As familias que opten a estas axudas deberán estar en posesión do título de familia numerosa en vigor no momento da solicitude. Os/as fillos/as que dean lugar a expedición do titulo de familia numerosa deberan ter nacido con anterioridade ou dentro do ano natural ó que se refire a convocatoria (2015). Todos os fillos/fillas incluídos no título de familia numerosa deberán formar parte da unidade de convivencia salvo que por razóns de estudio deban residir noutro domicilio. Nos supostos de nulidade, separación ou divorcio dos proxenitores, a persoa beneficiaria da prestación será o pai/nai que teña a custodia dos fillos/as, de acordo co establecido no convenio regulador ou sentencia de separación, divorcio ou modificación de medidas.

Os fillas/as deben formar parte da mesma unidade de convivencia que o proxenitor que teña a custodia, xustificándoo mediante o certificado de convivencia. Se un dos proxenitores se atopa traballando fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, e non figura empadroado neste municipio, deberá acreditalo con copia do correspondente contrato de traballo e certificado de empadroamento do lugar de residencia. Asemade, no caso de que un mesmo menor dea lugar á expedición de dous títulos de familia numerosa, só se concederá esta axuda ao proxenitor que ostente a custodia deste menor ou menores.

Familias monoparentais e menores con titor/a
Ás familias monoparentais só se lles requirirá que figure empadroado cun ano de antigüidade o pai ou a nai que teña a custodia dos fillos. Entenderase a estes efectos por familia monoparental aquela na que un dos proxenitores convive cos seus fillos/as menores ou dependentes sendo ademais o único responsable dos mesmos. No caso dos menores que teñan titor, requirirase que figure empadroado no padrón municipal o titor/-es do menor. En ningún caso poderán ser beneficiarios/as os proxenitores privados da patria potestade dos seus fillos, ou se a tutela fora asumida por unha institución pública.

Lugar e prazo de presentación de solicitudes
Os interesados e interesadas en acceder a estas axudas poderán presentar as solicitudes e a documentación requirida no Rexistro Xeral do Concello, ou ben no rexistro existente na oficina municipal do Milladoiro. O prazo para presentar as solicitudes é dun mes, contado dende o día seguinte á publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. Hai que ter en conta que as bases desta convocatoria de axudas foron publicadas no BOP o día 20 de outubro de 2016. En caso de rematar nun día inhábil, este prazo entenderase estendido ata o inmediato hábil seguinte.

Cómpre salientar que as achegas concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con outras que puideran obter os beneficiarios/as doutras administracións públicas polo mesmo motivo. A solicitude ou percepción dunha achega ao abeiro desta convocatoria deberá ser comunicada polo beneficiario á administración que convoque a achega concorrente. Para máis información pódese chamar aos números de teléfono 981 535 941 / 981 890 964.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Abierto el plazo para solicitar las ayudas a familias numerosas"