Pestanas principais

Abre o prazo para participar na primeira convocatoria de axudas dirixidas a empresas e autónomos situados en zonas illadas do rural galego para a dotación do servizo de banda larga ultrarrápida

Martes, 21 de marzo de 2017

[21-03-2017] O Concello de Ames informa sobre a apertura da primeira convocatoria de axudas dirixidas a empresas e autónomos situados en zonas illadas do rural galego para a dotación do servizo de banda larga ultrarrápida. Trátase dun programa de subvencións enmarcado no Plan de Banda Larga 2020, aprobado pola Xunta de Galicia a finais de 2015, que conta cun orzamento de 500.000 euros e poderase ampliar ata un máximo de 1 millón de euros, en función da demanda. Cómpre destacar que a contía de subvención será de ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, cun máximo de 20.000 euros por beneficiario. O IVE non será subvencionable. O prazo para a solicitude das axudas rematará o día 20 de abril.

A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, destina a esta convocatoria un orzamento de 500.000 euros en 2017, que se poderá ampliar ata un máximo de 1 millón de euros en 2018, en función da demanda. Estas axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000 euros por beneficiario. Non obstante, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000 euros. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

O prazo para a solicitude das axudas rematará o día 20 de abril. Os principais requisitos e obrigas que deberán cumprir os solicitantes serán non dispoñer actualmente da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 megas e manter a alta no servizo contratado inicialmente durante cando menos 1 ano. Para cada solicitude valorarase a mellora que supón o servizo de banda larga ultrarrápida incluído na proposta, o esforzo investidor previsto e valoraranse tamén as solicitudes recibidas das pequenas empresas.

Redes ultrarrápidas en polígonos
Esta convocatoria é a segunda actuación do Plan de banda larga de Galicia 2020, que en xullo de 2016 puxo en marcha unha primeira actuación para conectar 81 polígonos industriais das catro provincias galegas a redes de ata 350 Mbps, que non contan con cobertura de redes ultrarrápidas nin previsión de dispoñer deste servizo. En 2016 completouse o despregamento en 17 polígonos. En 2017 cubriranse outros 30 e en 2018 os 34 restantes. Deste xeito, no ano 2018, un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs. O resto cubriranse nas seguintes actuacións previstas no devandito plan.

Plan de banda larga 2020
O Plan de banda larga de Galicia 2020 foi aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, e asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.

Para máis información sobre a convocatoria prema na seguinte ligazón http://amtega.xunta.gal/axudas-para-empresas-illadas, ou ben póñase en contacto coa Oficina de Banda Larga a través da dirección de correo electrónico oficina.bandalarga@xunta.es ou chamando ao 981 95 78 68, en horario de luns a venres de 9:00 a 15:00 horas.