Pestanas principais

O grupo municipal de teatro de Ames estrea este venres no Milladoiro o espectáculo “O Enmeigado” de Ramón María del Valle-Inclán

Mércores, 31 de maio de 2017

[31-05-2017] Este venres 2 de xuño, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro o Grupo municipal de teatro de Ames estrea a obra “O Enmeigado. Traxedias en terras do Salnés”. Trátase dunha adaptación realizada pola súa directora, Mónica Caamaño, baseada na obra do escritor e dramaturgo galego Ramón María del Valle-Inclán. No Enmeigado, Valle deseña un retrato descarnado da sociedade onde a miseria das desposuídas busca, por veces, camiños revirados para conseguir o pan. A entrada ao espectáculo é libre e gratuíta.

O ano 2017 é un ano de celebración para a cultura galega, en especial para as persoas que gozan do teatro, pois poderán gozar coa mestría do dramaturgo Valle-Inclán, na lingua natural das xentes e paisaxe que inzaron parte da súa obra. O Enmeigado, é un marabilloso exemplo da capacidade do autor para retratar a Galicia rural de hai un século. No Enmeigado, Valle deseña un retrato descarnado da sociedade onde a miseria das desposuídas busca, por veces, camiños revirados para conseguir o pan.

Nesta nova Traxedia en terras do Salnés desfilarán escolantes e foreiros, ofrecidas e ánimas en pena, rendendo tributo ou pedindo contas a quen posúe a terra. E todos eles camiñando cara a invernía nun marco que rezuma terra: o poder da terra entre arrecendo de mosto e herba seca, a miseria da terra baixo neboeiros de meigallos de río arriba. E velaí estamos nós, nas pegadas da terra.

A dirección e tradución correu a cargo de Mónica Camaño,mentres que o elenco artístico deste espectáculo está formado por Emilia Mayo, Carmela Pardal, Paula Catro, Pilara Gómez, Eva García, Noemí Graña, Patricia López, Paz Romai, Rosana González, Diego Otero, Pablo Núñez, Carlos Labraña e Martín Bussolari. Por último, do deseño de luz encargouse Zé Paredes, do deseño gráfico Pablo Gulynn, do sorporte técnico Armando Salas e do deseño do espazo escénico, aderezo e vestiario ocúpase Mónica Camaño e mailos integrantes do propio grupo de teatro.