[31-05-2017] O Concello de Ames participa na XVIII semana sen fume, que é unha iniciativa da Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria (semFYC) en colaboración co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. Deste xeito, lanzouse unha campaña entre a veciñanza para axudar a aquelas persoas que queiran deixar de fumar. Este ano inclúese o material "Decídete a deixar de fumar" e unha “Receita médica coas preinscricións para deixar de fumar”. Este material está elaborado no marco da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no SNS, na que un dos factores que se pon en valor é a prevención do tabaquismo. Este material achega consellos de estilos de vida saudable e está dirixido a todas as persoas que fuman e se plantexan deixalo.
Dende a Concellaría de Sanidade estase repartindo entre a veciñanza amesá unha receita médica na que en prescrición pon deixar de fumar e en recomendacións para o paciente pódese ler: Parabéns! Deixar de fumar é o mellor que pode facer pola súa saúde. Deste xeito, estase barallando a posibilidade de crear un grupo de apoio en Ames para deixar de fumar, sempre e cando se inscriban un número de persoas suficientes. Para deixar de fumar o Concello de Ames recoméndalle a todos os veciños e veciñas que pasen polo departamento de Ames saudable, que está situado no Pazo da peregrina, de Bertamiráns.
Calquera persoa pódese achegar por este lugar de xeito presencial ou enviar un correo electrónico ao enderezo sanidade@concellodeames.gal para concertar unha cita. Estas receitas poderanse atopar nas farmacias e parafarmacias do concello, así como nas dependencias municipais (Casa do Concello, Casas da Cultura, Bibliotecas municipais, Oficinas xerais do Milladoiro, Pazo da Peregrina, nas oficinas de consumo e no servizo municipal de augas e de recadación).
A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explica que “estamos seguros que os fumadores coñecen os riscos que o tabaco ten para a súa saúde. Con estas recomendacións non queremos insistir máis sobre elo, senón que a nosa intención é ofrecer orientación sobre como iniciar o proceso para deixar de fumar. Este ano ademais de facer o pasado domingo unha andaina para fomentar a práctica deportiva, distribuíronse estas receitas nas dependencias municipais, piscina municipal, centros de saúde, farmacias e parafarmacias”.