Pestanas principais

Este fin de semana son as festas nas parroquias de Ames e Bugallido

Venres, 30 de xuño de 2017

[30-06-2017] Ao longo deste fin de semana, celébranse as festas nas parroquias de Ames e de Bugallido. Ames conmemora o Santo Tomé, mentres que Bugallido celebra o Santo Antonio, o Santísimo e o Santo Pedro. En ámbalas dúas parroquias, haberá varias actividades durante estes días. En Ames actuará o grupo Café Olé e a orquestra Ciudad Cristal, o sábado, e o domingo estará a orquestra Ibiza. Pola súa banda, en Bugallido, pasarán ao longo destes días: Os Trovadores, a orquestra Dimensión, o grupo de gaitas Os Castros, a disco móbil Eme Music do DJ Marcos Magán e a orquestra Saudade.

Este fin de semana, 1 e 2 de xullo, son as festas nas parroquias de Ames e Bugallido. A primeira destas parroquias celebra o Santo Tomé, mentres que a de Bugallido conmemora o Santo Antonio, o Santísimo e máis o Santo Pedro.

En Ames, as festas arrancarán este sábado ás 9 da maña, co lanzamento de 21 bombas de palenque anunciando o inicio das festas. Ás 13:00 horas dese día terá lugar unha misa na Igrexa de Santo Tomé. Posteriormente, a sesión vermú estará amenizada pola orquesta cristal, que repetirá á noite acompañada do grupo Café Olé.

O domingo, a xornada de festas en Ames comezará tamén co lanzamento de 21 bombas de palenque, así como cun pasarrúas da man do grupo de gaitas Os Castros. Ás 13 horas, volverá haber misa na Igrexa de Santo Tomé. Neste día, tanto a sesión vermú como a sesión de noite correrá a cargo da orquestra Ibiza.

Festas tamén en Bugallido
Hoxe, venres 30 de xuño, empezan as festas en Bugallido na honra do Santo Antonio. Asemade, mañá celebrarase nesta parroquia amesá o Santísimo e o domingo conmemorarase o Santo Pedro. Esta tarde, as festas inícianse cunha misa, ás 20:00 horas, e a actuación da orquestra Os Trovadores pola noite.

No sábado, a xornada de festa comezará ás 12:00 horas cunha misa, amenizada pola Coral Polifónica de Bugallido. A seguir, haberá sesión vermú coa orquestra Dimensión (que tamén estará durante a noite) e o grupo de gaitas Os Castros. Alén diso, a partir das 18:00 horas, terá lugar a actuación do mago Pedro Bugarín e haberá inchables e unha festa de espuma, da man da empresa Pekexogo. Esa mesma noite, ás 1:30 horas, comezará unha festa máis orientada á xuventude, coa disco móbil Eme Music do DJ Marcos Magán. Xa o último día, o domingo, volverá haber misa ás 12:30 horas. Neste día, tanto durante a sesión vermú como á noite, estará a orquestra Saudade.