Pestanas principais

As nenas e nenos da EIM O Bosque recollen o millo

Xoves, 12 de outubro de 2017

[12-10-2017] Se hai unha semana, as crianzas da EIM O Bosque facían a súa propia vendima; esta semana tocoulles recoller o millo. As profesoras foron as encargadas de facilitar todo o necesario, facendo posible que o alumnado de 2 a 3 anos vivise a experiencia de apañalo, debullalo e moelo.

A actividade realizouse ao longo de varias sesións, complementándose con contos, láminas e murais, de maneira que as nenas e nenos puidesen entender o mellor posible o proceso total, desde que se recolle ata que se consume o millo. As profesoras foron as encargadas de facilitar todo o preciso para a súa realización.

Deste xeito, as crianzas puideron experimentar todo o proceso. Apañaron, debullaron e moeron o millo cuns pequenos “muíños” eléctricos para, finalmente, coa fariña resultante e un pouco de auga poder amasar. A actividade, que foi realizada co alumnado dos 2 aos 3 anos, encádrase dentro da programación da escola, para o 1º trimestre, vinculada á temática dos cambios atmosféricos, ás colleitas e á alimentación.