Pestanas principais

Aberto o prazo de presentación de solicitudes para participar na convocatoria de axudas dirixida ás entidades sociais que realizan actividades complementarias aos Servizos Sociais do Concello

Venres, 01 de decembro de 2017

[01-12-2017] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Servizos Sociais, informa que este mércores, 30 de novembro, saíu publicada, no Boletín Oficial da Provincia (BOP), a convocatoria de axudas destinadas a dar apoio económico ás entidades, sen ánimo de lucro, que realicen actividades complementarias aos Servizos Sociais comunitarios. A contía total destinada a esta convocatoria de axudas é de 40.531,73 euros, sendo de 7.500€ o importe máximo que se poderá conceder a cada entidade. Con esta iniciativa, o goberno municipal pretende acadar unha atención complementaria eficaz ás persoas usuarias dos Servizos Sociais, promovendo diferentes actuacións relativas, por exemplo, á saúde pública ou á inclusión social de colectivos con dificultades de inserción. As entidades sociais interesadas poderán presentar as solicitudes, ata o 19 de decembro, no Rexistro Xeral do Concello ou a través do rexistro telemático da sede electrónica municipal. Para obter máis información pódese chamar aos número de teléfono 981 535 941 e 981 890 964.

O prazo de presentación de solicitudes para participar na convocatoria de axudas dirixida ás entidades, sen ánimo de lucro, que realizan actividades complementarias ás dos Servizos Sociais comunitarios, permanecerá aberto ata o vindeiro 19 de decembro. A través desta liña de axudas, a concellaría de Servizos Sociais busca apoiar a atención complementaria que ofrecen estas entidades, formulando, ao mesmo tempo, un instrumento único que dea cabida a todas as iniciativas, facilitando a súa coordinación e unificando programas e actividades da mesma natureza, mais cunha xestión diferente. Outro dos obxectivos é a promoción de actividades singularizadas relativas á inserción social ou á saúde pública, entre outras cuestións. A contía total destinada a esta convocatoria de axudas é de 40.531,73 euros, sendo de 7.500€ o importe máximo que se poderá conceder a cada entidade.

Os proxectos de inclusión social ou de convivencia, así como as xornadas, charlas e outras accións divulgativas acerca de diferentes problemáticas de índole sanitario son dúas das tres liñas subvencionables recollidas nesta convocatoria. A terceira das liñas fai referencia ás actuacións deseñadas para a adquisición dunha formación básica e de tipo laboral adaptada ás necesidades de persoas con diversidade funcional, co obxectivo de mellorar a súa cualificación profesional.

Do mesmo xeito, os gastos que poderán ser subvencionados, ata cun máximo do 80% do orzamento total, serán aqueles relativos ao gasto de persoal necesario para a execución das actuacións, ao gasto preciso para a realización das actividades (incluídos gastos de subministración, non de arrendamento, dos locais empregados) e ao gasto de axudas económicas directas a persoas usuarias dos Servizos Sociais comunitarios, destinadas á cobertura de necesidades urxentes ou de emerxencia social como vivenda, alimentos ou medicación. Os gastos para os que se solicite a achega municipal deberán ter sido efectuados dentro do exercicio 2017. 

As destinatarias destas axudas serán as entidades de iniciativa social, sen ánimo de lucro e legalmente constituídas, que realicen actividades complementarias aos Servizos Sociais comunitarios, entre outros ámbitos, no Concello de Ames. Estas entidades deberán, polo tanto, estar inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia e atoparse, asemade, ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias coa AEAT e co Concello de Ames, así como coa Seguridade Social. Da mesma maneira, non poderán optar a estas axudas aquelas entidades que teñan aínda pendente a xustificación dalgunha axuda municipal anterior, salvo en casos nos que se fose concedida unha prórroga.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 19 de novembro. As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral do Concello, de xeito presencial ou a través da sede electrónica https://sede.concellodeames.gal/gl/. As persoas solicitantes deberán entregar xunto coa solicitude da subvención, a declaración responsable da persoa que ostente a representación legal da entidade. Así mesmo, tamén deberá ser entregada unha descrición detallada do proxecto, programa ou actuación para as que se solicita a subvención, así como unha certificación bancaria da conta na que se teña que efectuar o ingreso da achega. No caso de que se solicite unha axuda por un importe superior aos 3000 euros, a entidade deberá aportar unha certificación acreditativa de estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias coa AEAT, co Concello de Ames e coa Seguridade Social.