Pestanas principais

A agrupación de Protección Civil, a Policía local e a Brigada municipal de Obras traballan de xeito coordinado para resolver as incidencias provocadas polo temporal

Luns, 11 de decembro de 2017

[11-12-2017] Durante este domingo, 10 de decembro, os voluntarios/as da Agrupación de protección Civil do Concello de Ames, así como os axentes da Policía local e mailos membros da Brigada municipal de obras traballaron de xeito coordinado, para solucionar as diferentes incidencias que xurdiron no termo municipal de Ames debido ao temporal de vento e choiva que afectou a Galicia e que continuará durante este luns 11 de decembro. As principais actuacións realizadas estiveron relacionadas coa caída de árbores, do tendido eléctrico, de luminarias, e coa caída de lousas e cristais da fachada dun edificio do Milladoiro. Para calquera aviso pódese chamar ao 112.


A agrupación de voluntarios e voluntarias de Protección Civil do Concello de Ames atenderon durante este domingo varias incidencias producidas polo temporal de auga e chuvia que asolou Galicia. Deste xeito, atenderon as chamadas feitas ao 112 e á Policía Local. A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) informou dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel vermello (risco extremo) por vento e de nivel laranxa (risco importante) para as xornadas do domingo 10 e luns día 11.

As intervencións máis importantes realizáronse na estrada que une Castiñeiro do Lobo con Trasmonte onde se produciu a caída de árbores; na estrada que vai de Proupín a Lamas caeu o tendido eléctrico; e na estrada Roxos-Portomouro (AC-453) tamén houbo que intervir por caída de árbores. Ademais, houbo que actuar en Barouta, Pousada, Outeiro, Milladoiro, Lamas por caídas de árbores, caída de cristais, rotura de luminarias, caída de cables do tendido eléctrico ou balsas de auga na estrada. Por último, no Milladoiro, na rúa Pardiñeiros caeu sobre un vehículo unha luminaria e na rúa Agro da Madalena caeron varias lousas da fachada dun edificio.

Por outra banda, durante a mañá do luns 11 de decembro o persoal da Brigada municipal de obras tivo que arraxar o alumeado público de varios lugares: avenida de Rosalía de Castro, (Milladoiro); Biduído de Abaixo; Covas; Ventosa; e Lamas. Tamén tiveron que arranxar unha luminaria que estaba rota na rúa de Pardiñeiros (Milladoiro), unha avaría no cadro que regula o alumeado e os semáforos da Travesía do Porto; e outra avaría no repetidor da radio (antena de emisión que está colocada na nave da brigada de obras).

Outras tarefas realizadas foron o corte de árbores que caeron na estrada de Castrigo (o pasar o campo de fútbol); corte de varias ramas caídas e que estaban a punto de caer na carballeira da urbanización O Bosque Animado; corte de varios arbores caídos no paseo do Ameneiral; arranxo dun muro de pedra que caeu en Covas (na estrada que pasa por detrás da igrexa); limpeza de invornales, sumidoiros e taxeas nas estradas de Augapesada, Pousada, Covas, Castiñeiro de Lobo, Casanova, Ventín, Paramuíño e na urbanización Millalar (Milladoiro).

Por último, arranxaron o peche provisional do cemiterio municipal que foi estragado polo vento; limparon a terra na zona do aparcadoiro do Supercor (cruce de Agro do Medio con rúa Curuxa), traballo feito en colaboración coas empresas Espiña & Delfín e Urbaser; e limpeza da estrada do Lombao a Ameixenda coa pala do tractor debido as grandes cantidades de restos de ramas, follas, etc.