[21-12-2017] Este xoves, 21 de decembro, reuniuse o xurado para elixir os establecementos comerciais premiados no XII Concurso de Escaparates de Nadal 2017, organizado pola Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, e no que participaron un total de 44 comercios (26 en Bertamiráns e 18 no Milladoiro). Tralo ditame do xurado, nesta edición o primeiro premio recaeu en Espacio Metro de Bertamiráns. O segundo premio é para Zona PC, tamén de Bertamiráns, mentres que o terceiro premio levouno Carnicería Sigüeiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o listado coas votacións do xurado do XII Concurso de Escaparates.
Neste concurso, os establecementos comerciais amesáns competiron co engalanado dos seus escaparates, que están expostos dende o pasado 15 de decembro de 2017 e permanecerán así ata o 6 de xaneiro de 2018. O concurso ten 44 participantes (26 de Bertamiráns e 18 do Milladoiro), número que aumentou respecto ao Nadal de 2016 no que participaron 20 de Bertamiráns e 17 no Milladoiro.
Tralo ditame dos membros do xurado xa se coñecen os gañadores deste concurso. O primeiro premio recaeu na empresa de deseño de espazos e interiorismo, Espacio Metro, situado na rúa Entrerríos, número 8, de Bertamiráns, que obtivo 35 puntos. O segundo premio foi para a empresa de servizos informáticos, Zona PC, que está situada na rúa Alcalde Lorenzo, número 6, tamén en Bertamiráns, e que obtivo 34 puntos.
Por último, o terceiro premio recaeu en Carnicería Sigüeiro, que está situado na rúa Rosalía de Castro, número 70, no Milladoiro, e que sumou 33 puntos. Na terceira posición quedaron empatados con 33 puntos Carnicería Sigüeiro e a perfumería El Patio de Mi Casa, pero trala deliberación do xurado acordaron outorgar dito premio á Carnicería Sigüeiro. O primeiro premio está dotado de 1.000 euros, o segundo premio é de 700 euros e o terceiro premio dispón de 400 euros. Uns importes aos que se lles aplicará a retención do IRPF que corresponda no momento da entrega de premios.
O xurado estivo formado por un membro de cada unha das asociacións de comerciantes e profesionais que están funcionando actualmente no concello. Ramón Cordido asistiu en representación da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Bertamiráns; María Reyes Cancela participou en representación da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar; Salomé Blanco formou parte do xurado en representación da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novo Milladoiro; e Miguel López en representación da Unión de Consumidores de Galicia.
Dende o xurado indicaron que este ano, respecto a edicións anteriores, houbo máis nivel na decoración dos escaparates presentados a dito concurso. Tamén destacaron a dificultade de puntuar ditos escaparates, tal e como queda demostrado nos axustados resultados das puntuacións obtidas polos gañadores, que están separadas tan só por un punto de diferencia, e nos diferentes empates que se produciron. Asemade, cómpre salientar, que ao incremento no número de establecementos participantes, hai que engadir a maior calidade dos traballos presentados.
Cada membro do xurado fixo unha valoración de entre 0 e 5 puntos, tendo en conta o deseño e a orixinalidade dos traballos presentados, así como os criterios de composición e a elaboración propia. O xurado contou co asesoramento técnico da profesional Antonia Pinto Veloso, e dous traballadores da Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo que actuaron como secretarios. Unha vez o xurado rematou a súa deliberación, recibiron a visita do alcalde, José Miñones, e da concelleira de Promoción Económica, Isabel González, para agradecerlles o traballo feito.
Premio Especial do Público
O concurso tamén conta co Premio Especial do Público, o cal premiará a un establecemento do Milladoiro e outro de Bertamiráns con 200 euros. Para iso entregáronselle a cada local 150 boletos para repartir entre a súa clientela. O resultado das votacións do público serán publicados a finais do mes de xaneiro de 2018. Os establecementos seleccionados polo xurado e polo público gozarán, ademais, da cesión de espazos publicitarios gratuítos en Ames Radio durante un mes consecutivo, en función das necesidades da programación da radio municipal.
Os boletos coas votacións do público, que deberán ser entregados con todos os datos cubertos e asinados no espazo correspondente, depositaranse ata o 5 de xaneiro nas urnas colocadas para elo na Casa da Cultura e na Casa do Concello, en Bertamiráns, ou na Casa da Cultura e na Biblioteca, no Milladoiro. No caso de que algún boleto presente algún campo baleiro, será considerado nulo. Ademais, só serán contabilizados un número máximo de 10 votos por persoa. As clientas e clientes que voten no concurso participarán dun sorteo de tres talóns valorados en 300 euros cada un.
O sorteo terá lugar unha vez rematado o período de Nadal, o mesmo día en que se realice o reconto dos votos do público. Para escoller ás persoas gañadoras, extraeranse tres boletos ao azar. Do mesmo xeito, tamén se retirarán outros seis boletos, que serán asignados ás persoas suplentes na mesma orde en que foron retirados da urna. O nome das persoas gañadoras dos cheques, así como o das suplentes, darase a coñecer o mesmo día que os nomes dos establecementos máis votados polo público.
Contido relacionado
Lindeiros: "Espacio Metro, Zona PC e Carnicería Sigüeiro gañan o XII Concurso de Escaparates de Ames"
El Correo Gallego: "Espacio Metro é o mellor escaparate do Nadal amesán"