Pestanas principais

Abre o prazo para participar na segunda convocatoria do proceso de contratación de publicidade institucional do Concello de Ames

Venres, 16 de febreiro de 2018

[16-02-2018] O goberno municipal presentou a finais de xullo de 2017 as bases orientadoras para a contratación da publicidade institucional do Concello de Ames. Trátase dunha iniciativa pioneira e novidosa para regular o investimento municipal neste eido, posta en marcha en colaboración co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e maila Asociación de Medios en Galego. A primeira convocatoria desta iniciativa presentáronse 12 medios de comunicación e produtoras. Agora, despois de aprobarse en Xunta de Goberno Local a modificación das devanditas bases, ábrese o prazo para participar na segunda convocatoria. A documentación requirida poderá presentarse ata o 15 de marzo.

Esta iniciativa, que é pioneira, busca regular o investimento municipal no eido da publicidade institucional e dotar de transparencia os procesos de contratación cos medios. De igual maneira, estas bases teñen como obxectivo garantir a utilidade pública e a racionalidade na distribución da publicidade oficial, así como contribuír á consolidación dun espazo de comunicación plural. As devanditas bases foron presentadas o pasado 28 e xullo de 2017 e durante o pasado mes de agosto abriuse un prazo para que todos os medios interesados puidesen presentar a documentación requirida para, posteriormente, poderen ser tomados en consideración á hora de contratar campañas publicitarias.

A concelleira de Comunicación, Isabel Vaquero, destacou que “se trata dunha iniciativa novidosa, que achega criterios obxectivos á hora de contratar os espazos publicitarios, alén da discrecionalidade, e que foi ben valorada polos propios medios de comunicación, aos que se convidou a unha xuntanza de valoración logo da súa posta en marcha. Agora, modifícanse as bases para recoller tanto as deficiencias que se advertiron na súa execución pola Comisión Técnica, como as suxestións achegadas polos propios medios de comunicación, así como para lanzar a convocatoria para a contratación de espazos publicitarios en 2018”.

Entre os meses de setembro e decembro de 2017 o Concello de Ames publicou dúas campañas publicitarias: unha no mes de novembro sobre o proceso de licitación de concesión de nichos, tumbas, panteóns e columbarios do cemiterio municipal, e outra en decembro sobre a programación municipal de Nadal. A partir de ai, no mes de xaneiro de 2018, tendo en conta as recomendacións da Comisión Técnica de Publicidade, realizáronse unha serie de modificacións nas bases e mantívose unha xuntanza con persoal do departamento de publicidade de diversos medios de comunicación para facer unha avaliación xeral sobre o funcionamento e execución desta iniciativa.

A través desta iniciativa valóranse criterios obxectivos, ademais da capacidade de difusión e a tarifa. Tamén se valoran outras cuestións como é o uso da lingua galega, a responsabilidade social ou a atención informativa ao concello. Agora modifícanse as bases para recoller tanto as deficiencias que se advertiron na súa execución pola Comisión Técnica de Publicidade como as suxestións achegadas polos propios medios de comunicación, así como para lanzar a convocatoria para a contratación de espazos publicitarios en 2018.

Principais modificacións das bases
As principais modificacións nas bases realizáronse do artigo 9 en diante. En relación ás categorías créase a categoría de revistas e periódicos de tiraxe non diaria de Ames e na categoría de medios de comunicación electrónicos, o Concello poderá establecer unha subcategorización segundo as temáticas dos medios, en función da información que se pretenda publicitar.

Asemade, modificouse o reparto da puntuación do Anexo I. Así, increméntase en 7 puntos a puntuación do apartado de difusión e audiencia (12 puntos) e redúcese en 3 puntos a puntuación no apartado de tarifas. Ademais, ao final das bases inclúese como anexo III a previsión mínima de insercións publicitarias para 2018, algo que reclamaron dende os medios de comunicación para dispor dunha previsión anual.

Para optar á contratación de publicidade no Concello de Ames, os medios de comunicación teñen ata o vindeiro 15 de marzo para entregar a documentación requirida. Así, os medios deberán proporcionar a documentación relativa á súa difusión e audiencia dos últimos tres meses. As radios e televisións deberán poderse escoitar ou ver en todo o Concello. Os medios de comunicación electrónicos puntuaranse segundo a medida de visitas mensuais ou número de sesións abertas ao mes. Tamén se lle dá moita importancia á inserción regular de informacións sobre Ames e a que ditos contidos sexan publicados ou emitidos en lingua galega.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "El Concello de Ames vuelve abrir el plazo para la contratación de publicidad institucional"