Pestanas principais

Aberto o prazo para a reserva dos locais de ensaio da Factoría

Martes, 05 de xuño de 2018

[05-06-2018] As Concellarías de Cultura e Mocidade veñen de abrir o prazo para que as agrupacións musicais e artísticas de Ames efectúen a reserva dos locais de ensaio da Factoría -o novo espazo multifuncional situado na antiga escola de Biduído-. Os espazos poderán solicitarse desde hoxe ata que o calendario fique completo. As reservas realizaranse por orde de solicitude.


Desde este martes, 5 de xuño, as agrupacións musicais e artísticas de Ames poderán formalizar a reserva dun dos dous locais de ensaio dispoñibles na Factoría. Para acceder á reserva dun local de ensaio será necesario solicitalo indicando os días e o horario mediante o procedemento habitual de solicitude de espazos públicos, a través do enderezo de correo electrónico administracion.cultura@concellodeames.gal. O calendario irase completando en función da orde de inscrición, de luns a domingo, sen límite de prazo temporal. As agrupacións ou colectivos musiciais e artísticos que soliciten este espazo deberán responsabilizarse da apertura e do peche, así como do cumprimento do horario correspondente e do coidado do material de uso común.

A Factoría é unha iniciativa conxunta das Concellarías de Cultura e Mocidade, posta en marcha co obxectivo de dar resposta á falta de locais de ensaio no termo municipal, ao tempo que se facilita e promove o desenvolvemento das inquietudes artísticas das bandas, a creación de novas formacións e unha produción cultural vinculada ao asociacionismo. Neste 2018, o novo espazo multifuncional experimentou unha serie de obras de acondicionamento e mellora do sistema eléctrico, da fontanería, do acondicionamento acústico e da seguridade.

Cómpre destacar que para poder acceder aos servizos da Factoría, as bandas e agrupacións musicais e artísticas deberán estar rexistradas no Censo de Artistas municipal. O rexistro neste censo poderá facerse antes ou despois da solicitude de reserva dun local. As persoas ou grupos que queiran obter máis información poden contactar coa Concellaría de Educación e Cultura, a través do enderezo de correo electrónico administracion.cultura@concellodeames.gal


Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Aberto o prazo para a reserva dos locais de ensaio da Factoría"