Pestanas principais

Votación de propostas para o rural e a mocidade dos Orzamentos Participativos de 2018

Venres, 22 de xuño de 2018

[22-06-2018] Estas dúas últimas semanas realizáronse novas xuntanzas das comisións de Orzamentos Participativos 2018 para a mocidade e para o rural, onde se informou e se analizaron as preto de 500 propostas presentadas. En ditas xuntanzas elaboráronse as listaxes de propostas que terá que votar a veciñanza de Ames para incluír nos Orzamentos Participativos 2018. Para o rural haberá que elixir entre 112 propostas, mentres que a mocidade terá que votar entre 46 propostas. As asembleas de votación serán do 25 de xuño ao 5 de xullo nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais das parroquias do rural. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as devanditas listaxes.

O número de propostas elixidas na comisión de Orzamentos Participativos 2018 para o rural foi de 112. Divididas por parroquias quedan do seguinte xeito: 13 para Ortoño, 5 para Tapia, 2 para Lens, 7 para Bugallido, 10 para Covas, 7 para Piñeiro, 17 para Biduído, 25 para Ames, 18 para Agrón, 5 para A Ameixenda, e 3 para Trasmonte. Estas propostas foron elixidas entre un total de 387 propostas presentadas. Todas as parroquias presentaron propostas e todas as parroquias están representadas na comisións do rural e participan deste proceso. Tamén se elaborou unha listaxe coas propostas non admitidas do rural.

Asemade, na comisión de Orzamentos Participativos 2018 para a Mocidade informouse e analizáronse as 102 propostas presentadas. En dita xuntanza elaborouse a listaxe de propostas non admitidas de Mocidade e maila listaxe de propostas finais para votación dos Orzamentos Participativos para a Mocidade. O número de propostas finais entres as que haberá que votar é de 46 (20 de investimentos para á mocidade e 26 de actividades para a mocidade). As listaxes coas propostas finais de votación pódese ver neste aviso e nos taboleiros de anuncios dos locais sociais parroquias.

Asembleas de votación: do 25 de xuño ao 5 de xullo
As asembleas de votación serán do 25 de xuño ao 5 de xullo nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais das parroquias do rural. As propostas finais para a mocidade poderán ser votadas por mozos e mozas que teñan entre os 16 e os 30 anos, mentres que as propostas para o rural poderán ser votadas por calquera persoa de 16 anos en diante. En ambos os dous casos as persoas para votar deberán levar o seu DNI e estar empadroados no Concello de Ames. A asemblea final de reconto de votos será o venres, 6 de xullo, ás 20.00 horas, na Casa do Concello.

Este ano 2018, o goberno municipal destina 192.000 euros para que a veciñanza de Ames faga propostas e decida o seu gasto. A contía de 132.000 euros repartidos en partes iguais (12.000 euros) por cada unha das 11 parroquias para investimentos no rural: Lens, Tapia, Piñeiro, Ameixenda, Trasmonte, Agrón, Covas, Bugallido, Ames, Biduído e Ortoño. Ademais, 50.000 euros destinaranse a dous investimentos para o acondicionamento de dous espazos abertos dirixidos a mocidade, localizados un en Bertamiráns (25.000€) e outro no Milladoiro (25.000€) e 10.000 euros destinaranse a actividades ou programas dirixidos á mocidade do Concello.