Pestanas principais

O Concello de Ames xunto aos concellos de Brión e de Santiago de Compostela solicita financiamento para a posta en marcha dos obradoiros de emprego “Co-Labora” e “CreAs”

Luns, 16 de xullo de 2018

[16-07-2018] O Concello de Ames vén de solicitar conxuntamente cos Concellos de Brión e Santiago de Compostela dous obradoiros de emprego. A través do obradoiro “Co-Labora” preténdese formar a 15 alumnos/as-traballadores/as, menores de 30 anos, na especialidade de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización. Este obradoiro permitiría desenvolver traballos de mellora da accesibilidade en Ames e Brión. Asemade, mediante o obradoiro de emprego “CreAs” formaríase a 20 alumnos/as-traballadores/as na especialidade de repoboación forestais e tratamentos silvícolas, pavimentos e albanelería de urbanización.

O obxectivo xeral do obradoiro de emprego “Co-Labora” é mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional, de persoas mozas desempregadas menores de 30 anos de idade e inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, mediante a formación e a práctica profesional na especialidade correspondente ao certificado de profesionalidade “Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización”, de nivel 1. Este obradoiro está dirixido a 15 alumnos/as-traballadores/as, que terían que completar un total de 400 horas de formación (360 teóricas e 40 de prácticas), dende 1 de setembro de 2018 ata o 28 de febreiro de 2019. Para a impartición de dito obradoiro haberá que contar tamén co persoal directivo, docente e de apoio (director/a, persoal docente e persoal administrativo).

A práctica laboral realizaríase en obras e actuacións que pretenden a mellora da accesibilidade en zonas urbanas dos concellos de Ames e Brión, actuando sobre todo en zonas de pasos de peóns en Brión e en dúas das prazas máis transitadas de Bertamiráns, no concello de Ames. Deste xeito, preténdese mellorar o acceso á praza da Maía, na entrada desde a Travesa da Peregrina, facilitando o acceso tanto a peóns como a vehículos de emerxencias, en caso necesario, ou aos vehículos particulares que teñen a entrada ao garaxe por esta praza. Tamén se melloraría a accesibilidade na Travesa da Peregrina. Asemade, actuaríase na urbanización Agro Novo, situada na parroquia dos Ánxeles, en Brión, para mellorar a accesibilidade en dous pasos de peóns da urbanización e a creación dun paso novo para poder acceder á beirarrúa nunha zona onde non existe dito acceso.

Para a posta en marcha deste obradoiro de emprego solicitouse unha axuda á Consellería de Economía, Emprego e Industria, da Xunta de Galicia, por valor de 144.621 euros. Os Concellos promotores achegarían 39.957,24 euros (Ames 27.864,38 euros e Brión 12.092,86 euros) ata completar un orzamento total de 184.578,24 euros.

Obradoiro de emprego “CreAs”
Por outra banda, os Concellos de Ames e Santiago de Compostela solicitaron unha subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria para o obradoiro de emprego “CreAs”, que contempla a formación de 20 alumnos/as-traballadores/as na especialidade de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, pavimentos e albanelería de urbanización. Este obradoiro tería unha duración de 9 meses, dende o 1 de setembro de 2018 ata o 31 de maio de 2019. Para a impartición de dito obradoiro habería que contar tamén co persoal directivo, docente e de apoio (director/a, persoal docente e persoal administrativo).

A práctica laboral permitiría realizar en Ames a apertura de mantemento de vías forestais, mentres que en Santiago de Compostela realizaríanse traballos de urbanización e mellora medioambiental no Polígono do Tambre e a repoboación forestal e melloras silvícolas en Pedra Castro. Deste xeito, acordouse solicitar unha subvención de 287.937 euros, en base á convocatoria de subvencións para os obradoiros de emprego duais, así como comprometer o financiamento da parte do proxecto que non sexa subvencionada por importe de 69.860 euros (Ames poría 9.860 euros e Santiago 60.000 euros). O orzamento total do proxecto é de 357.797 euros.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, agarda “que a Xunta de Galicia conceda as axudas solicitadas xunto aos Concellos de Brión e Santiago, para poder desenvolver estes dous obradoiros de emprego. Así poderíamos darlle a oportunidade a varias persoas do noso concello de beneficiarse dos mesmos”. Ademais, salientou o feito de seguir compartindo servizos con outros concellos da comarca. “No caso de Brión xa vén de moitos anos atrás, e agora tamén colaboramos neste eido co Concello de Santiago”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames solicita financiamento para facer dous obradoiros de emprego"
Lindeiros: "Ames, Brión e Santiago solicitan os obradoiros de emprego Co-Labora e CreAs"
Compostela 24 Horas: "O Concello de Ames xunto aos concellos de Brión e de Santiago de Compostela solicita financiamento para a posta en marcha dos obradoiros de emprego Co-Labora e CreAs”