Pestanas principais

A programación da Aula CeMIT para os meses de setembro, outubro e novembro inclúe unha gran variedade de cursos formativos, charlas e seminarios

Xoves, 13 de setembro de 2018

[13-09-2018] Ao longo dos próximos tres meses, a Aula CeMIT contará con case unha vintena de actividades dirixidas tanto a persoas adultas como a crianzas. Deste xeito, alén de cursos e ciclos formativos, a Aula CeMIT tamén ten programada a realización de varias charlas informativas, exames EMA de teleformación, e diferentes obradoiros para nenas e nenos. Para obter máis información ou para reservar praza nalgunha destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da web https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9, achegándose á Aula CeMIT situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.


Un exame EMA dará comezo ás actividades da aula CeMIT no mes de setembro. Esta proba presencial, que se precisa para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe CeMIT, realizarase este venres, 14 de setembro, entre as 12.00 e as 13.00 horas. Asemade, o venres 19 de outubro, tamén se realizará outra convocatoria deste mesmo exame.

A seguinte actividade programada terá lugar tres días despois, o 17 de setembro, que consistirá nunha charla de “Comercio electrónico e medios de pago seguro”, impartida pola Escola Galega de Consumo. Ao longo deste seminario explicaranse os pasos a seguir para facer compras na Internet dun xeito seguro, así como os aspectos máis importantes para evitar fraudes, como son a identificación de páxinas seguras, os distintos medios de pago e a posibilidade de abandonar a compra, entre outros. Ademais, tamén se analizarán os dereitos específicos das persoas consumidoras no caso das compras a distancia.

Cursos para adultos
Por outra banda, realizaranse dous cursos destinados aos e ás amesás adultos. O primeiro deles será “Edición de imaxes”, que se impartirá entre o 20 e o 28 de setembro, os xoves e venres, en horario de 10.30 a 12.00 horas. Este curso ten como obxectivo introducir aos usuarios na edición de fotografía dixital, tanto en software libre (GIMP) coma en webapps (Pixlr Editor) ata acadar un coñecemento transversal da materia.

Do 16 ao 25 de outubro impartirase outro curso para adultos, que leva como título “Administración electrónica: introdución ás súas posibilidades”. Estará adicado ao descubrimento e familiarización coa Administración electrónica, dende o DNI electrónico ata os certificados dixitais, pasando por sistemas de identificación máis sinxelos coma cl@ve ou chave365. Do mesmo xeito, os usuarios tamén poderán familiarizarse coa sede electrónica do Concello de Ames e a servizos como eSaúde.

Ciclo de ofimática
Este ciclo está formado por cinco cursos que abranguen a base da ofimática, dende o procesador de textos ata as presentacións, pasando polas follas de cálculos. Así, non só están destinados para aquelas persoas que queiran superar as probas CODIX, senón tamén para aqueles que precisen estas ferramentas na súa vida diaria ou sintan inquedanza por ter un bo manexo delas.

O primeiro dos cursos, “LibreOffice Writer I”, realizarase do 24 de setembro ao 3 de outubro, todos os luns e mércores en horario de 18.15 a 19.45 horas, e consistirá na introdución e familiarización co procesador de textos. O seguinte, “LibreOffice Writter II”, dará un paso máis, para afondar no manexo deste programa coa utilización de ferramentas máis avanzadas, e impartirase do 8 ao 17 de outubro, tamén luns e mércores, en horario de 18.15 a 19.45.

LibreOffice Calc I” é o nome do terceiro dos cursos deste ciclo, que se celebrará do 22 ao 31 de outubro, e que xirará arredor das follas de cálculo, o seu formato e o manexo básico das súas fórmulas. O afondamento no manexo desta parte do paquete office libre realizarase no “LibreOffice Calc II”, entre os días 5 e 14 de novembro.

Por último, tamén se realizará o curso “LibreOffice Impress”, cuxo obxectivo é introducir e profundar aos usuarios no manexo, neste caso, das presentacións de LibreOffice entre os días 19 e 28 de setembro. Calquera dos cinco cursos do ciclo celebraranse os luns e mércores en horario de 18.15 a 19.45 horas.

Cursos para menores
Este trimestre, ao igual que nos meses anteriores, a Aula CeMIT non deixou de pensar nos pequenos e pequenas da casa á hora de preparar a súa programación, cos xa clásicos cursos de mecanografía e informática. Así, impartiranse dous cursos de mecanografía entre os días 2 de outubro e o 18 de decembro. Por unha parte, para os nenos e nenas menores de dez anos, en horario de 18.15 a 19.00 horas, a través do que se busca que os máis pequenos se acheguen ao ordenador mediante a mecanografía, evitando así que adquiran malos hábitos durante a escritura. Por outro lado, de 19.00 a 19.45 horas, impartirase este mesmo curso orientado a xoves maiores de 10 anos, máis enfocado no emprego e desenrolo de aptitudes referentes á mecanografía, que lles axudarán na elaboración de traballos do colexio e instituto.

Introdución á Informática para menores de 10 anos” será o curso que se levará a cabo todos os xoves, do 4 de outubro ao 20 de decembro, en horario de 18.15 a 19.45 horas. Nesta ocasión, buscarase que as rapazas e rapaces que non teñen experiencia no uso do ordenador se familiaricen co sistema operativo, o procesador de textos e o uso de Internet. Os nenos e nenas que queiran matricularse en calquera destes cursos, deberán estar rexistrados na Aula CeMIT con antelación.

Seminarios online sobre o smartphone
Por último, ao longo destes meses, Ágora Tecnoloxía en colaboración coa Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), ofrecerá cinco seminarios sobre o uso do teléfono móbil.

Este grupo de talleres comezará o mércores, 19 de setembro, de 10.30 a 12.00 horas, co seminario “Aprende a usar o teu teléfono intelixente”. O seguinte celebrarase o mércores seguinte, 26 de setembro, no mesmo horario, e levará como título “Apps interesantes que non deben faltar no teu smartphone”.

Fotografía co teu teléfono intelixente” impartirase o 15 de outubro entre as 10.30 e as 12.00 horas, seguido do obradoiro “Facebook”, o mércores 24 de outubro no mesmo horario. “Apps para adestrar a túa memoria” será o seminario que pechará este ciclo temático o día 31 de outubro, de 10.30 a 12.00 horas.

Tramitación das inscricións
Para participar en calquera das actividades é preciso matricularse con antelación. Así, para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á aula da Casa da Cultura (de 10:00h a 13:00h e de 17:00 a 20:00h), chamando ao número de teléfono 662 371 511 (no mesmo horario) ou enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.