Pestanas principais

Ames volve a unirse ao abeiro da campaña Ames en Negro

Xoves, 29 de novembro de 2018

[29-11-2018] A campaña Ames en Negro volveu a exercer, por terceiro ano consecutivo, do altofalante a través do que a veciñanza amesá mostrou a súa repulsa contra a violencia de xénero. Co obxectivo de visibilizar o rexeitamento da cidadanía e os diversos sectores do concello ás violencias machistas e concienciar sobre o problema que supoñen para a sociedade, a concellaría de Servizos Sociais e Igualdade organizou unha serie de actividades e eventos para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Nesta campaña encadráronse actividades como as xornadas Acércate de Igualdade, a presentación dos Puntos de Igualdade ou os obradoiro de Bo Trato nos IES.


Outra das iniciativas organizadas co alumnado dos centros de ensino amesáns foi o espectáculo musical “I´ll be watching you”, que ofreceu a compañía Chévere na Casa da Cultura de Bertamiráns o xoves 15, ao que acudiron alumnos e alumnas de 4º de ESO dos IES de Bertamiráns e Milladoiro. Ao longo das dúas horas, analizaronse os roles de xénero latentes e patentes nalgunhas das cancións de temática amorosa máis famosas.

Un ano máis, como extensión das Xornadas de Igualdade Acércate, estanse a realizar os Obradoiros de bo trato nos centros de ensino de educación secundaria do concello, a través dos que se busca traballar a convivencia positiva e a educación emocional, ofrecendo aos mozos e mozas unha serie de ferramentas para o autocoñecemento, a autoestima, etc. enfocadas á prevención da violencia, en especial de xénero. Destinado ao alumnado de 3º de ESO, o pasado venres tiveron lugar no IES do Milladoiro, mentres que no IES de Ames, en Bertamiráns, realizaranse mañá, 30 de novembro.

Xornadas Acércate de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero
O pasado 22 de novembro, celebrouse a oitava edición das Xornadas Acércate de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero. Organizadas pola Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, as xornadas contaron, ao longo da mañá, con dúas mesas de debate tituladas O consentimento, o acceso ao corpo das mulleres e os desequilibrios de poder, e Actualidade e retos do feminismo; e dúas conferencias sobre A desigualdade aprendida: causas, consecuencias e estratexias e Da loca do ex á loca do ático cando as nosas emocións desgustan ao patriarcado.

Pola tarde, as persoas participantes tiveron que escoller entre dous dos seis obradoiros programados. Por un lado, entre as realizadas entre as 16.00h e as 17:15h, celebraronse os talleres Habilidades emocionais: pequenas accións, grandes cambios; Mindfullnes: Regulación do estrés e a ansiedade e Ferramentas para a coeducación. Entre as 17:30h e as 18:45 horas, as opcións foron As redes sociais e o desenvolvemento en adolescentes, Como mellorar a nosa comunicación: a fiestra de Johari, e Corporalidade e benestar.


Conmemoración do 25N no Concello de Ames
O Concello de Ames conmemorou o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres coa realización dun acto institucional na Casa do Concello o pasado venres, 23 de novembro. Arredor das 12.00h, procedeuse ao reparto de material e á lectura do manifesto por parte da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, a directora do Centro de Información á Muller, Maite Arufe, os concelleiros de Educación e Cultura, David Santomil, e de Economía e Facenda, Genma Otero, e o voceiro de Ames Novo, Quique Costas.

A continuación, Paula Viñas Lamas, alumna do IES de Bertamiráns, procedeu á lectura dun poema propio, que deu paso á actuación do grupo formado por Neves Seara, Migui Carballido, Laura Lamontagne e Zeltia, que, da man da Casa Morada, se encargaron da música e a poesía do acto cunha performance sacada do seu espectáculo Silencios Impostos. Nesta última parte, tamén houbo un momento o recordo das vítimas de violencia de xénero e violencia doméstica que deixou este 2018, coa colocación dunha cartilla por cada unha delas nas escaleiras da Casa do Concello mentres se lles recordaba aos presentes os seus nomes.

Actividades programadas nos centros de ensino
Moitas das actividades realizadas durante a campaña deste ano estiveron enfocadas ao sector educativo. Así, o pasado 21 de novembro, presentáronse nos CEIP A Maía, Barouta e Agro do Muíño os Puntos de Igualdade, que consisten nuns puntos móbiles conformados por diferentes obras infantís e xuvenís que se consideran libres de estereotipos de xénero. Co obxectivo de ofrecer recursos ao profesorado e ás familias para dialogar cos máis novos sobre a importancia da igualdade, estes espazos irán rotando polos diferentes centros educativos de Ames e polas bibliotecas municipais. Á presentación dos Puntos de Igualdade asistiron a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e a directora do Centro de Información da Muller (CIM), María Teresa Arufe.

Durante a presentación realizada no CEIP Agro do Muíño, ao que acudiu o alumnado de 4º e 5º de primaria así como as súas titoras e a directora do centro, os nenos e nenas de 5ºB expuxeron unha serie de carteis nos que reivindicaron a igualdade e denunciaron todo tipo de violencia machista, os micromachismos ou os roles de xénero impostos. Unha serie de temas sobre os que estiveron traballando ao longo das últimas semanas.


O Concello de Ames uniuse, un ano máis, á campaña En negro contras as violencias, na que este ano participaron 102 concellos galegos e 3 deputacións. A través desta iniciativa, procúrase fomentar a sensibilización cidadá contra as violencias machistas no eido municipal, a través da coordinación entre concellos de diferentes cores políticas. Con ela tamén se pretende implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento á violencia de xénero e dos asasinatos machistas, incidindo, de maneira especial, nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia contra as mulleres.

Ao eido desta iniciativa, Ames puxo a andar a terceira edición da campaña Ames en Negro entre os días 12 e 25 de novembro, na que este ano participaron máis de 170 axentes sociais, entre establecementos hostaleiros, comercios, empresas, asociacións, clubs deportivos, e toda a comunidade educativa do concello. A trasversalidade da campaña, que aglutinou a moi diversos actores dos sectores económico e social e a parte importante da cidadanía de Ames, contribuiu ao aumento da súa visibilidade con respecto a anos anteriores.

Así, entre as mostras de apoio á campaña de particulares, organizacións, asociación e empresas, estiveron a colocación de material nos escaparates de gran número de establecementos de Bertamiráns e Milladoiro, a celebración do 25N nas oficinas de Altia, ou a envoltura da merenda en panos negros no CEIP Barouta.

Tamén destacou o traballo da asociación Arcea-Adames en prol da igualdade. Neste senso, os clubs deportivos FC Meigas, Milladoiro SD, Bertamiráns FC e o Club de Patinaxe Sarela traballaron cos rapaces e rapazas aspectos como a sensibilización e mostraron a súa repulsa a este e todo tipo de violencia, ao tempo que prepararon distintos materiais, como o video elaborado polo Club de Patinaxe Sarela https://youtu.be/LlRlTIoPJ4U .